EDUCACIÓN

Poetas e escolares únense para reivindicar educación gratuíta para todos nun Gran Libro aberto ao mundo

21/04/2009 O Paraninfo da Facultade de Historia acollerá o xoves 23 de abril o acto central da Semana de Acción Mundial pola Educación, que se celebra do 20 ao 26 de abril. Grazas a estas xornadas, millóns de persoas en todo o mundo mobilízanse para lograr que a alfabetización das persoas novas e adultas sexa unha realidade.

A concelleira accidental de Educación, Mercedes Rosón, presentou este acto central, acompañado de representantes de varias das organizacións non gobernamentais que participan da iniciativa. En representación de todas elas falou Manuel Dios, quen destacou que esta Semana Mundial da Educación pretende "chamar a atención sobre o dereito á educación gratuíta en todo o mundo, e sensibilizar sobre isto á sociedade e ás institucións".

O acto central do xoves 23 de abril contará coa presenza, entre outros, do alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; do reitor da USC, Senén Barro; de Federico Mayor Zaragoza, e dunha representación de poetas galegos, entre os que se pode citar a Rosa Aneiros, Marilar Aleixandre ou Yolanda Castaño. Xunto a eles haberá unha ampla representación dos centros de ensino, que lerán textos referidos á importancia da alfabetización e do interese na promoción do libro e a lectura.

Todos eles, poetas e escolares, deixarán os seus textos no Gran Libro ao que se refire a campaña, "Abre un libro, abre o mundo". Os rapaces traballan nestes contidos durante toda a semana nos seus colexios, preparando estes textos que se lerán no acto do Paraninfo. Rematada a lectura e a pegada dos textos no Gran Libro, as institucións representadas no acto asinarán un compromiso pola Educación. Pechará a actuación musical de Uxía.

Pola alfabetización
Esta Semana é tamén un bo motivo para consultar a páxina web creada especificamente para esta campaña, www.cme-espana.org. Alí pódense coñecer os diferentes aspectos da mesma, así como a sección "Vidas reais", onde nenos e nenas de diferentes países do mundo falan de como viven, das súas preocupacións e do seu interese por conseguir unha educación básica que lles permita enfrontar os graves problemas que lles afectan.

Na actualidade, 774 millóns de persoas adultas son analfabetas e 75 millóns de nenos e nenas non teñen acceso á escola. Ademais, un número incalculable de nenos, mozos e persoas adultas que asisten á escola ou a outros programas educativos non acadan o nivel suficiente para ser considerados alfabetizados.

Fronte a esta situación, a Campaña Mundial pola Educación reclama maiores compromisos financeiros coa educación básica e políticas educativas que melloren a calidade da educación ou prácticas destinadas a lograr a igualdade de xénero, entre outras reivindicacións.

Ao tempo que en Santiago, celebraranse tamén actos ata en 40 cidades españolas. En Galicia, os outros actos terán lugar na Coruña, Vigo, Ferrol, Viana do Bolo e Ourense.

Compartir: