PROMOCIÓN ECONÓMICA

A Concellaría de Promoción Económica participa en Irlanda nun encontro de socios do programa Leonardo

20/04/2009 A Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, participa, o 20 e 21 de abril, na cidade irlandesa de Ennis, nun encontro de socios do proxecto Axudantes Familiares do programa europeo Leonardo da Vinci. Este proxecto ten como obxectivo establecer un protocolo común a nivel comunitario para acreditar profesionalmente aos coidadores familiares e favorecer así a súa inserción laboral.

Nesta reunión, ademáis da Concellaría, están presentes representantes doutras seis entidades que integran este grupo, vinculadas ao sector de servizos ás persoas e á formación dos seus profesionais. Son Caring of Carers de Reino Unido (a entidade organizadora), INTEGRA PLUS de Bélxica, ADMR de Francia, Academia de Formación de Eslovaquia, Escola Central de Formación de Italia e o Instituto para o Desenvolvemento e a Formación da illa francesa de Córcega, que é o socio principal.

No encontro está previsto identificar e xerarquizar as competencias que formarán parte do protocolo que acreditará profesionalmente aos coidadores familiares que, de xeito informal, estiveron coidando a outra persoa. Esta acreditación profesional, común a toda a Unión Europea, facilitará a súa incorporación ao mercado de traballo. Sen unha titulación que acredite esa experiencia, a súa inserción laboral sería moito máis difícil, sobre todo tendo en conta que maioría dos coidadores familares son mulleres, moitas delas maiores. Ademáis, esta acreditación axudará a cubrir a demanda que existe nun sector en plena expansión como é a axuda a domicilio ou os servizos ás persoas, con candidatos axeitados que contan con experiencia previa.

As competencias priorizadas pola Concellaría de Promoción Económica teñen en conta a valoración realizada por profesionais e empresas do sector na zona de Santiago en torno a dous eixos: o coidado e necesidades das persoas dependentes, e a adaptacion da intervención do coidador ou coidadora á situación. As propostas do primeiro eixo están relacionadas coa hixiene e seguridade das persoas dependentes; coa axuda en tarefas de xestión e administrativas, coa adecuación das necesidades do colectivo ás súas expectativas, e con estimular as súas relacións sociais. En canto á intervención do coidador, priorízase o coñecemento e respeito dos dereitos, deberes e límites ligados á profesión; e a adaptación ás situacións á hora de resolver problemas.

As sete entidades que integran o proxecto Axundantes Familiares teñen de prazo ata agosto de 2010 para deseñar o protocolo común que sirva de referencia para acreditar profesionalmente aos coidadores familiares. As accións que desenvolverá a Concellaría de Promoción Económica e Emprego ata esta data contan cun orzamento de 69.010 euros, cofinanciados pola Unión Europea.

Todas as entidades que participan no proxecto Axudantes Familiares foron seleccionadas pola experiencia e/ou resultados acadados neste eido. A Concellaría de Promoción Económica e Emprego, que foi convidada a sumarse á iniciativa polo Instituto para o Desenvolvemento e a Formación de Córcega, formou e está formando a coidadores familiares a través dos distintos proxecto Persoa. Actualmente estase desenvolvendo o Persoa IV. No Persoa III accederon ao mercado laboral, a través de contratos de diferente duración, 103 dos 105 participantes.

Compartir: