CONSORCIO

Concerto da Real Filharmonía de Galicia coa participación de alumnos da Escola de Altos Estudos Musicais

20/04/2009 A colaboración entre a Real Filharmonía de Galicia e a Escola de Altos Estudos Musicais materializarase no concerto de abono no Auditorio de Galicia do mércores 22 de abril. Xunto aos músicos da orquestra sentaranse 20 alumnos da Escola. Esta, xestionada pola AGADIC, está estreitamente vinculada á Real Filharmonía, xa que forma cada ano corenta alumnos, cos músicos da orquestra santiaguesa como profesores.

Nesta ocasión, o mestre titular Antoni Ros Marbà, ideou un programa que supón un gran despregue de instrumentos, con dúas obras de Ravel (a Rapsodia Española e a suite de Dafnis e Cloe) e o preludio a Os mestres cantores de Nuremberg, de Wagner. O repertorio complétase cos Catro últimos lieder, de Richard Strauss, que serán interpretados pola prestixiosa soprano Mélanie Diener. Trátase dun programa moi completo, que supón un esforzo artístico importante, con case dúas semanas de ensaios previos.

Ensaio aberto
Ideados como unha forma diferente de achegarse ao día a día do traballo dunha orquestra, a segunda parte do ensaio xeral do martes 21 de abril será aberto a público, de forma gratuíta. A iniciativa, posta en marcha nesta temporada de concertos por primeira vez pola RFG e o Auditorio de Galicia, permitirá descubrir os recunchos que se agochan detrás de cada ensaio e de cada proba previos aos concertos de abono. Será o martes 21 de abril, en torno ás 17:45 horas e poderanse escoitar as dúas pezas programadas de Ravel.

Compartir: