CENTROS SOCIOCULTURAIS

Coloquio de Ros Marbá no Centro Sociocultural de Vite

18/10/2005 O Director Titular da Real Filharmonía de Galicia, Antoni Ros Marbà, ofrecerá unha charla-coloquio no Centro Socio Cultural de Vite arredor da súa experiencia persoal e profesional.

Mañá mércores, 19 de outubro, ás 20.00 horas, no Centro Socio Cultural de Vite o mestre Antoni Ros Marbà, ofrecerá unha charla-coloquio, que será presentada pola Concelleira delegada de Rehabilitación e Delegada de Centros Socio Culturais, Mercedes Rosón e o Director Técnico da Real Filharmonía de Galicia, Oriol Roch.

Nesta charla-coloquio Ros Marbà falará da súa experiencia persoal e profesional como director de varias formacións de música clásica que dirixiu por todo o mundo ao longo da súa carreira profesional.

Lonxe de tratarse dunha conferencia, o que pretenderá o mestre Ros será que o público participe coas súas preguntas e descobra o que hai detrás dunha formación de música clásica como é a Real Filharmonía de Galicia, unha das mellores orquestras que hai hoxe no panorama musical nacional. Ademais, o mestre, desvelará algunha anécdota curiosa da súa faceta como compositor.

Biografía
Antoni Ros Marbà naceu en Hospitalet de Llobregat, Barcelona e comeza a formarse musicalmente no Conservatorio Superior de Música desa mesma cidade. Estudia dirección de orquestra con Eduard Toldrà en Barcelona, con Sergiu Celebidache na Academia Chiggiana de Siena e Jean Martinon en Düsseldorf, onde obtivo o Primeiro Premio de Fin de Curso.

En 1966, ao ser fundada a Orquestra Sinfónica de RTVE en Madrid, consegue por oposición a praza de Director Titular; en 1967 foi nomeado Director Titular da Orquestra Ciutat de Barcelona; en 1978 Director Musical da Orquestra Nacional de España e en 1979 Principal Director Invitado da Orquestra de Cámara Holandesa, da que será, posteriormente, Director Titular.

En 1978, invitado polo mestre Herbert von Karajan, debutou en Berlín coa Orquesta Filharmónica, orquestra que dirixirá de novo posteriormente. No campo sinfónico, tamén obtivo notabeis éxitos dirixindo as orquestras máis importantes de Francia, Inglaterra, Suíza, Italia, Alemaña, Escandinavia e nos principais centros musicais de América e Xapón. Coa Orquestra de Cámara de Holanda visitou China nas súas primeiras aperturas no campo musical occidental.

No campo operístico dirixiu con grande éxito a maior parte dos títulos máis emblemáticos con preferencia o repertorio mozartiano, Strauss ou Britten.

Asimesmo, dirixiu as estreas das óperas Divinas Palabras de Antón García Abril e The Duenna de Roberto Gerhard. Tamén dirixiu as primeiras gravacións mundiais desta última e de La Dolores de Tomás Bretón.

Foille concedido o "Premio Nacional de Música", galardón que outorga o Ministerio de Cultura, a "Creu de Sant Jordi", outorgada pola Generalitat de Catalunya, o "Premio Internacional do Disco Arthur Honegger" pola gravación das Sete Palabras de Cristo de Haydn e o "Barclays Theatre Award" á mellor producción operística no Reino Unido de 1997 pola súa intervención na montaxe de Idomeneo a cargo da Scottish Opera de Glasgow e Edimburgo.
Na actualidade é Director Titular da Real Filharmonía de Galicia, Profesor e Director Titular da Cátedra de Orquestra de Cámara Freixenet da Escola Superior de Música Reina Sofía de Madrid e Director da Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia.

Compartir: