ALCALDÍA

Unha xornada de portas abertas na Casa das Asociacións abre os actos do XXX aniversario das corporacións democráticas

17/04/2009 Coa inauguración da nova Casa das Asociacións e coa xornada de portas abertas na mesma o sábado 18 comezan os actos de celebración do XXX aniversario das corporacións democráticas. O alcalde compostelán anunciou o programa desta conmemoración, que seguira do 20 ao 23 de abril.

Durante a xornada do sábado 18, os veciños poderán visitar libremente a nova Casa das Asociacións, nunha xornada lúdica na que haberá xogos inchables, exposicións e diversas actividades. Despois, ás 19:00 horas, celebrarase a inauguración oficial.

Este acto é o primeiro do programa que preparou o concello para celebrar o trixésimo aniversario das corporacións democráticas. O luns 20 e o martes 21 están previstas dúas xornadas de portas abertas no propio Concello. De 10:00 a 13:00 horas pasará o alumnado de Primaria da cidade e de 16:00 a 19:00 horas o Concello estará aberto ao público en xeral.

Xa o martes 21 de abril, ás 18:00 horas, celebrarase un pleno municipal con escolares do IES Antón Fraguas. O mércores 22, ás 19:00 horas, o alcalde compostelán recibirá ás corporacións democráticas dende 1979 a 2007. Ademais, haberá un recoñecemento expreso aos alcaldes do Concello de Santiago dende 1979.

Para rematar cos actos, o xoves 23, ás 20:00 horas, presentarase no auditorio do Museo do Pobo Galego o libro La vida musical en Santiago a finales del siglo XIX. O acto contará cunha actuación musical.

Compartir: