ALCALDÍA

O alcalde asegura que todos os servizos de Ryanair se van manter ou incrementar

17/04/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, quixo lanzar unha mensaxe de tranquilidade en relación ao remate do convenio existente coa compañía aérea Ryanair. Indicou que "a relación coa directiva de Ryanair é fluída" e asegurou que "todos os servizos se van a manter ou incrementar".

Sánchez Bugallo apuntou que unicamente se está pendente da toma posesión do novo Goberno da Xunta "para pornos en contacto con eles e formalizar os acordos preexistentes". En calquera caso, garantiu, "non se contemplan outras hipóteses que non sexan as, como mínimo, manter o que xa hai".

Tamén a propósito da actividade aeroportuaria, o alcalde comentou a conversa mantida co director xeral de Infraestruturas do Ministerio de Defensa, Jaime Denís Zambrana, que lle indicou que o motivo da non notificación aínda da orde de desaloxo ao Aeroclub é a presentación por este dun recurso extraordinario de súplica ante a Sala do Contencioso da Audiencia Nacional. Neste sentido, a Avogacía do Estado prefire esperar ao pronunciamento xudicial para efectuar a notificación.

Segundo recordou Sánchez Bugallo, este recurso de súplica deriva doutro recurso anterior do Aeroclub, xa rexeitado anteriormente pola mesma Sala, para que se suspendera cautelarmente o desaloxo. Confía en que Defensa responda ao xuíz nun prazo duns 10 días e que a Audiencia Nacional se pronuncie noutro prazo semellante. "Isto obriga a paralizar as actuacións previstas espero que non máis alá de dúas ou tres semanas", indicou, confiando en que "é difícil que a Sala reconsidere a súa decisión".

O rexedor municipal espera que, resolta esta cuestión, se produza ao fin a ocupación dos terreos e poidan comezar as obras da nova terminal de Lavacolla, unha vez que tamén se asinou esta semana o acordo entre AENA e Defensa que resolve a operación patrimonial.

Entrada do AVE en Santiago e túnel do Hórreo
Na habitual rolda dos venres, Sánchez Bugallo tamén se referiu a outra infraestrutura, neste caso ferroviaria. Así, valorou a apertura da licitación da obra de entrada do AVE en Santiago, cun prazo máximo de 30 meses, polo que, segundo dixo "poderían comezar as obras a finais de 2009 ou principios de 2010 e estar rematadas a mediados de 2012".

Deste xeito, recordou, nesas datas podería estar lista tanto a liña entre A Coruña e Ourense como a do corredor atlántico entre A Coruña e Vigo, "co que iso vai supor de revolución para as comunicacións interiores de Galicia". Non obstante, indicou que as maiores complicacións da liña do AVE seguen estando no tramo Ourense-Lubián e expresou a súa confianza en que se impulsen todas as obras deste itinerario en 2009.

A propósito doutra obra realizada polo Ministerio de Fomento, a do túnel do Hórreo, Sánchez Bugallo quixo insistir na recomendación de que "na medida do posible, se utilicen vías alternativas" durante os moitos meses que vai durar a obra. Afirmou que en vindeiros días se abrirá o vieiro de Cornes, que contribuirá a aliviar en parte a situación.

Pendentes do novo Goberno da Xunta
O alcalde anunciou tamén que, unha vez tome posesión o Goberno da Xunta, solicitará unha entrevista oficial co novo presidente, Alberto Núñez Feijoo, co fin de desexarlle "sorte e acerto" no seu labor e de tratar diversos temas que afectan a Santiago. En particular referiuse ao Ano Xacobeo e á Expo de Xangai 2010. Neste sentido, valorou a referencia de Feijoo na investidura ao Xacobeo e apuntou que, respecto á presenza en China "tiñamos unhas previsións e debemos contrastar se se manteñen polo novo Goberno".

Sobre a ausencia de referencias no discurso á Cidade da Cultura, dixo agardar a que estas se produzan, confiando que se "comprometan datas" sobre un proxecto que arrincou xa hai 10 anos. Sánchez Bugallo remitiuse á proposta que fixo un grupo de expertos no seu día por encargo do Concello de Santiago, o cal considerou "o documento máis lúcido" que se fixo ao respecto.

Compartir: