DEPORTES

Deportes pon en marcha o Programa de Actividade Física Adaptada

16/04/2009 A piscina do multiusos Fontes do Sar e do pavillón municipal do Restollal acollerán as actividades do Programa de Actividade Física, nos seus dous módulos: en seco e no medio acuático. Esta iniciativa está dirixida a organizacións de iniciativa social do ámbito socio-sanitario cuxos asociados, pola súa discapacidade, presenten necesidades especiais para a realización da práctica deportiva.

O concelleiro de Deportes, Andrés Fariña, presentou este programa, que responde á necesidade de crear un programa específico para as aquelas persoas con discapacidade, que precisan da máxima colaboración institucional para poder acadar uns mínimos obxectivos de participación, mellora e autosuperación. Os obxectivos son lograr unha integración social plena da persoa, facilitar o coñecemento do propio esquema corporal, traballar as capacidades físicas básicas e fomentar a autosuperación.

A idade mínima de participación será de 6 anos. As sesións estruturaranse en función dos colectivos e dos seus obxectivos. Para facer unha reserva de praza efectiva terá que ser a propia entidade interesada quen entregue no Departamento de Deportes a folla de inscrición debidamente cuberta e acompañada da documentación pertinente.

As sesións, tanto as do módulo en seco como as do acuático, celebraranse polas mañás. O número de prazas e a súa distribución dependerá de que sexan persoas con discapacidade orgánica, sensorial e física leve 5; persoas con autismo e persoas con enfermidade mental leve 5; ou persoas con discapacidade intelectual leve e moderada 4. En cada unha das sesións, dunha hora de duración, haberá tres instrutores.

Documentos relacionados



Compartir: