BENESTAR SOCIAL

Unha mesa redonda aborda o crecente impacto das redes sociais de internet

16/04/2009 O vindeiro luns 20 de abril, ás 19:00 horas, no Auditorio de Galicia, celebrarase a mesa redonda Redes sociais, Facebook, Tuenti...: A cara oculta dos amigos dos meus fillos. Este foro, organizado pola Concellaría de Benestar Social e Muller en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, abordará o alcance destas redes e ofrecerá aos pais e educadores información sobre a repercusión das mesmas nas condutas dos seus fillos e alumnos. A entrada é libre.

A concelleira de Benestar Social, Mar Martín, moderará esta mesa redonda, na que participarán o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, Fernando Suárez Lorenzo, o tenente coronel da Garda Civil Enrique Martínez Viqueira e a psicóloga clínica Mª Carmen Fernández Eire, especialista en adiccións non químicas do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. Todos eles exporán as súas experiencias e coñecementos sobre este crecente e imparable fenómeno dende distintos ámbitos profesionais.

Precisamente un dos relatores, o tenente coronel da Garda Civil Enrique Martínez, destacou na presentación desta rolda a necesidade de "identificar riscos", así como de poñer remedios cando xorden problemas no ámbito das redes sociais. Neste sentido, apuntou como principal risco "o uso que persoas malintencionadas poden facer dos datos para acceder ao entorno da persoa". As denuncias máis recorrentes neste campo teñen que ver "con algún tipo de acoso aos menores", se ben dixo que estes problemas xeralmente "resólvense sen excesiva dificultade".

Pola súa parte, Fernando Suárez apelou á "responsabilidade e concienciación" dos pais nun momento no que se ten producido "un cambio xeracional na educación". "É necesario implicar aos pais no uso e abuso destas tecnoloxías", insistiu. Achegou como dato que as redes sociais de internet teñen máis de 300 millóns de usuarios no mundo (8 millóns en España), dos cales moitos son menores de idade.

Quenda de debate e servizo de canguros
Nesta mesa redonda abordaranse temas como a orixe o alcance actual destas redes, a súa influencia nos comportamentos dos máis novos, o control dos pais do acceso a estas redes, as adiccións derivadas das mesmas ou as condutas ilícitas e delictivas en internet. Os relatores formularán algunhas recomendacións sobre a utilización das redes sociais e o control dos contidos no acceso a internet.

A mesa terá un carácter activo e participativo. Por isto, despois das intervencións dos relatores abrirase unha quenda de debate, co fin de que os pais, educadores e demais asistentes poidan expresar as súas dúbidas. Será unha boa oportunidade para dar a coñecer as distintas preocupacións sobre a influencia que estas redes sociais exercen na vida dos mozos na actualidade.

A concelleira de Benestar Social convidou a toda a cidadanía a participar nesta mesa redonda e comprometeuse a promover máis se o tema suscita interese. Enviáronse invitacións a asociacións de pais, colexios e asociacións sociais, se ben a participación é aberta e de balde.

Haberá un servizo de canguros para aqueles fillos dos pais que desexen asistir a esta mesa redonda. Recomendou a estes pais que chamen previamente á Concellería de Benestar Social (981 542 465) para confirmar a súa asistencia e informar sobre a idade dos seus fillos a fin de facilitar a organización do servizo.

Compartir: