EDUCACIÓN

Catorce representacións para o XIV Certame de Teatro Intercentros

16/04/2009 O Certame de Teatro Intercentros alcanza xa a súa XIV edición, con 14 representacións a cargo de trece centros escolares de Santiago e comarca os días 20, 21, 22, 23, 24, 27 e 28 de abril. Os salóns de actos dos institutos Rosalía de Castro e Xelmírez I acollerán un ano máis os espectáculos. A obra gañadora representarase no Teatro Principal.

A concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, presentou o Certame, do que destacou a súa consolidación nestes 14 anos, nos que se puido apreciar "a creatividade dos nosos nenos e mozos, a través de obras de gran calidade". Así tamén o recalcou o coordinador das Equipas de Normalización Lingüística, Xepe Torres, quen apuntou a alta demanda de participación no evento, que este ano obrigou a deixar fóra algunha proposta.

Torres subliñou que ata 20 centros de Santiago e da comarca están implicados nesta edición do Certame de Teatro Intercentros. En particular, apuntou a representación dun grupo de primaria do CEIP López Ferreiro, mostra dos cinco centros que teñen grupos estables de teatro nestas idades. Ademais deste grupo, tamén se incorporan por primeira vez ás representacións os centros e ensino privado San Jorge e Peleteiro.

As representacións comezarán o luns 20 de abril, no IES Rosalía de Castro, con Todo por un reino, a cargo do primeiro dos grupos deste mesmo centro. Ese mesmo día, no IES Xelmírez I, os alumnos do Colexio San Jorge e do CEIP López Ferreiro, levarán a escena, respectivamente, as obras A batalla dos ratos e as dinosiñas e O segredo do tío Sanfona.

O resto de obras previstas son: A noite da raíña Berenguela (IES Xelmírez II), Fragmentaria (CPI de Vedra), Guechos (CPI de Touro), O lado torto do mundo (IES Antonio Fraguas), Maldita mazá (IES Eduardo Pondal), En pé de guerra (IES Pontepedriña), Fóra de xogo (Colexio Manuel Peleteiro), Quérote (IES As Insuas - Muros), Por onde entrou ese cadáver (IES Rosalía de Castro), Pic-Nic (IES Campo de San Alberto – Noia) e Antígona e o mago de Oz no marabilloso país de Alicia (IES Xelmírez I).

Compartir: