XUVENTUDE

Comeza o "MúsicaXove´09" coa primeira final de grupos de música metal

15/04/2009 A segunda edición do Certame MúsicaXove, organizado pola Concellaría de Xuventude, comeza o xoves 16 de abril coa primeira final. Actuarán os tres grupos na modalidade de metal: Soño Eterno, The Weak Force e The Codename, todos procedentes de Santiago. A Sala Capitol abrirá o despacho de billetes ás 21:30 horas para que todos os que queiran asistir ao concerto poidan recoller a súa entrada de balde.

O concurso comezará ás 22:00 horas e as tres bandas tocarán en directo os dous temas obrigatorios presentados na maqueta e dous temas libres a maiores. O xurado estará formado por sete profesionais do eido musical da cidade: o concelleiro de Xuventude, Xosé Baqueiro; a directora da Escola Municipal de Música, Sara Domínguez; o locutor dos 40 Principais Gabi Davila; o músico Carlos Arévalo; o xerente da Sala Capitol, Antonio García Borrazás; o promotor musical vinculado ao Reixa e á Sala Nasa, Francisco Villasenín; e o responsable do programa formativo musical dos locais, Daniel Lamas.

O primeiro clasificado de cada modalidade musical recibirá un premio en metálico de 2.000 euros, mentres que os do segundo posto levarán 1.000 euros e os terceiros 500. Ademais, dende a Concellaría preparan a gravación dun CD conxunto entre os gañadores de cada modalidade. Do mesmo xeito, recibirán o apoio municipal a través de diferentes actividades promocionais por toda Galicia. As seguintes finais por categorías de hip hop, pop-rock e autor-folk celebraranse os xoves 23 e 30 de abril, tamén na Sala Capitol a partir das 22:00 horas.

Compartir: