TURISMO

Turismo rehabilitará os tramos máis importantes do Camiño cara ao Ano Santo

15/04/2009 Coa vista posta no ano 2010, a Concellería de Promoción Económica e Turismo vai acometer a rehabilitazión e sinalización do Camiño de Santiago a través de tres proxectos, cun orzamento total dun millón de euros. As actuacións a desenvolver son a rehabilitación e sinalización dos Camiños de Santiago Francés e a Fisterra e a integración paisaxística do Camiño no entorno da N-634. Os tres proxectos empregarán a 23 persoas e estarán rematadas a finais de 2009.

O concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, explicou eses proxectos, que xorden a raíz dun estudo integral realizado en 2008 para detectar as necesidades para a posta en valor do Camiño de Santiago. A primeira actuación levouse a cabo no verán de 2008, coa sinalización do tramo urbano do Camiño Francés. Agora desenvólvense tres novas obras, xa en proceso de adxudicación.

O proxecto de rehabilitación e sinalización do Camiño Francés ten un orzamento de 277.646 euros. As actuacións que levarán a cabo son: sinalización do tramo do Camiño e dos seus elementos patrimoniais; garantir a continuidade no trazado do seu percorrido e a seguridade dos peregrino, eliminando barreiras arquitectónicas e a ocupación da vía por automóbiles, recuperación do trazado no núcleo urbano, actualmente perdido en parte pola ocupación da vía pública por construcións auxiliares, e realización dun estudo para a integración paisaxística do entorno do Monte do Gozo. Tamén se mellorarán e reporán os pavimentos danados polo tráfico rodado, axardinaranse as marxes e reporanse os elementos de equipamento e mobiliario urbano.

No caso do proxecto de integración paisaxística do entorno da N-634, o orzamento previsto é de 360.284 euros. Empregaranse para crear un paso peonil axeitado, coa incorporación de pavimento pétreo no zurce da N-634 entre o aeroporto e San Paio. Ademais, integrarase paisaxisticamente o viaduto da AC-680 no cruce do Camiño Francés e habilitarase outro paso peonil axeitado no cruce de Lavacolla. Outras actuacións previstas son: mellora e acondicionamento dunha área de descanso no aeroporto, en San Paio, no Muíño de Lavacolla e en Vilamaior; instalación de pantallas de madeira para ocultación de colectores de lixo en diferentes puntos do Camiño; e soterrado dos colectores de lixo no Monte do Gozo e na área do cruce da Ponte de San Lázaro.

Finalmente, o proxecto de rehabilitación e sinalización do Camiño no tramo a Fisterra está orzamentado en 362.079 euros. Vaise proceder a sinalizar o conxunto do tramo e os seus elementos patrimoniais. En Ponte Sarela farase una actuación especial, consistente na rehabilitación da ponte histórica e do seu contorno, incluíndo un estudo arqueolóxico e histórico. Tamén se acometerá a recuperación do solado pétreo orixinal, peitorís e gárgolas; desmonte da soleira de formigón sobreposta á calzada medieval orixinal e reposición cun novo pavimento; recuperación de drenaxes; iluminación da ponte e do seu entorno; soterrado das liñas eléctricas; e limpeza e adecuación paisaxística das marxes.

Compartir: