CULTURA

Revelando Voces 2009 leva sete agrupacións musicais aos centros socioculturais

15/04/2009 A terceira edición do programa Revelando Voces levará aos centros socioculturais da cidade a sete novas agrupacións musicais. Serán en total 12 concertos, nos que se poderán escoitar diferentes propostas sonoras en pequeno formato.

A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García, Conde, presentou este ciclo de concertos, acompañada dos integrantes dalgunhas das formacións participantes. Destacou "a ampliación do número de artistas convidados en relación a edicións anteriores, que recollen novas propostas sonoras achegadas ao jazz, o ska, a música tradicional e mesmo o rock".

A filosofía dente programa, indicou, "é crear público novo nos barrios da cidade a través de propostas próximas e de pequeno formato". Ademais, resaltou a oportunidade que supón para os grupos participantes a inclusión en Revelando Voces, pois moitos dos músicos e bandas que interviñeron en edicións anteriores do certame son xa artistas consagrados.

Revelando Voces 09 foi un programa artellado dende os propios centros socioculturais, contando con Adolfo Muíños, do CSC do Castiñeiriño, como coordinador. Deste xeito, tentou atenderse aos intereses e sensibilidades do público potencial dos barrios da cidade, que son os destinatarios últimos do programa. Os concertos terán lugar cada sábado ás 21:00 horas nos seis centros socioculturais cabeceira da cidade: Conxo, Fontiñas, Ensanche, A Trisca, Vite e Castiñeiriño.

Ska, jazz, folk, rock e punk
Os concertos comezan o sábado 18 de abril, coa actuación de Sacha na Horta, un grupo de mulleres novas cuxa música definen como agro-punk. A seguinte proposta chegará da man de Lobalú, último proxecto artístico do guitarrista Héctor Lorenzo e a cantante Najla Shami, no que se mesturan bossa nova e jazz vocal.

A música tradicional virá da man de Verdegaio, dúo formado por Xabier Blanco Lado e Alexandre Cadarso, que pretenden homenaxear aos que no pasado contribuíron a enriquecer o patrimonio musical de Galicia. Doutro estilo ben diferente botan man Lucía da Fonte con Meiga do Norte, novísima banda de rock&roll que promete deixar gratamente sorprendido a máis dun.

Outro dos grupos participantes, Aló Django, conta xa cunha ampla experiencia nos escenarios da cidade. A banda parte musicalmente do jazz, o claqué e o gypsy swing para ofrecer un concerto cun amplo abano de xéneros musicais interpretados ao estilo dos xitanos centroeuropeos. Miñor Swing, pola súa banda, é un cuarteto de contrabaixo, violoncello e dúas guitarras inspirado no jazz francés e manouche que atopa en Django Reinhardt o seu referente. Para rematar, Ton Risco e Jacobo de Miguel forman un dúo de piano e percusión de gran solidez que ofrece unha perspectiva camerística do jazz.

Compartir: