ATENCIÓN AO CIDADÁN

A carpeta cidadá facilita a xestión de novos trámites desde a web

18/10/2005 O Concello de Santiago pon a disposición dos composteláns a carpeta cidadán, un novo recurso que facilita a xestión de diversos trámites a través da páxina web municipal. Esta carpeta incorporará progresivamente novos servizos co propósito de achegar a administración local ao cidadán.

A concelleira de Réxime Interior, Marta Álvarez Santullano, e o concelleiro de Facenda, Xoaquín Fernández Leiceaga, presentaron a carpeta cidadá coa que se incrementa sustancialmente o número de servizos que os cidadáns poden facer a través da páxina web do Concello.

Mediante a carpeta cidadá os composteláns poden realizar inicialmente sete trámites diferentes como pagamento "on line", consulta de recibos, altas, baixas ou modificacións das domiciliacións, cambio de enderezo fiscal, solicitudes de fraccionamento e/ou aprazamento, impresión de recibos e autoliquidacións de vehículos.

Para utilizar este servizo os usuarios deberán acercarse ata o Rexistro do Concello (rúa Presidente Salvador Allende, nº 4, baixo) onde se lle facilitará, previa presentación do DNI. un número de USUARIO e un PIN (número persoal de identificación)..

Polo de agora o pagamento "on line" só pode facerse a través do uso de tarxetas de Caixa Galicia, aínda que a concelleira de Réxime Interior manifestou que se están a manter conversas con outras entidades bancarias para ampliar o número de cidadáns que poidan acceder ao pagamento "on line".

Compartir: