EMPREGO

A Concellaría de Promoción Económica abre o prazo de inscrición en catro cursos do Plan de Formación 2009

13/04/2009 A Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo abriu o 13 de abril o prazo para apuntarse en catro dos 26 cursos cos que conta o Plan de formación e mellora de competitividade para os sectores industrial, da construción, e do comercio e a hostalería para o ano 2009.

O prazo de inscrición en Análise de proxectos de enerxías renovables, Operador/a de maquinaria de obras públicas e Talla en cantería remata o 27 de abril; mentres que o de Inglés para a atención de persoas estranxeiras estará aberto ata esgotar prazas. Os tres primeiros cursos, de 15 prazas cada un, están destinados a persoas desempregadas e empregadas do sector da construción. O de inglés, que conta con 50 prazas divididas en seis edicións, está dirixido a persoas propietarias e traballadoras en estabelecementos comerciais e hostaleiros do Concello de Santiago.

As persoas interesadas poden inscribirse en www.maiscompostela.org, ou ben entregar a solicitude de inscrición que poden descargar desta páxina web, debidamente cuberta, en calquera dos rexistros cos que conta o Concello de Santiago de Compostela: na rúa do Presidente Salvador Allende, número 4; no Centro Sociocultural do Ensanche, situado na rúa Frei Rosendo Salvado, números 14-16; e no Centro Sociocultural de Fontiñas, localizado na rúa Berlín, número 13. O sistema de selección será por orde de entrada en rexistro e/ou por data de inscrición en www.maiscompostela.org (Plan de Formación 2009). Pódese obter máis información nas Oficinas da Concellaría situadas na porta 9 do Estadio de San Lázaro, ou no teléfono 981 542 493, en horario de 9:00 a 14:00 horas, ou no correo electrónico redecooperacionlocal@santiagodecompostela.gal.

O Plan de Formación 2009 conta con 26 accións formativas gratuítas, que suman 929 horas lectivas, e ofertan un total de 425 prazas para persoas empadroadas e/ou que traballen no Concello de Santiago. Cun orzamento de 122.253 euros, a Concellaría de Promoción Económica deseñouno tendo en conta a difícil conxuntura económica actual, co obxectivo de que as persoas beneficiarias aumenten a súa capacitación profesional mediante a mellora das súas habilidades ou a adquisición de novos coñecementos que amplíen as súas expectativas de inserción laboral, mellorando así a calidade dos recursos humanos dos que dispoñen as empresas da cidade e, polo tanto, a competitividade das mesmas.

Compartir: