ALCALDÍA

O Concello ten fixadas inversións inmediatas entorno aos 6.500.000 euros para o Casco Histórico

13/04/2009 En relación coas manifestacións feitas públicas polo xerente da asociación Compostela Monumental acusando ao Concello de mala xestión en relación co Casco Histórico, desde o Goberno Municipal puntualizamos que desde a aprobación do Pan Especial do Casco Histórico no 1997, e con anterioridade cos plans pontes executados, a tutela e xestión da rehabilitación do mesmo foi e segue sendo unha iniciativa estritamente municipal executada polo Consorcio da Cidade. No presente, o balance arroxa máis do 60% das vivendas rehabilitadas e intervencións na maioría de edificios históricos e monumentos relixiosos, potenciando deste xeito a habitabilidade da zona histórica e evitando, como acontece noutros centros históricos, a conversión deste espazo nun museo para turistas.

É evidente que don José Ángel Blanco, xerente de Compostela Monumental, ao facer públicas a súas manifestacións descoñece a realidade do ámbito do Casco Histórico. Na actualidade están fixadas inversións entorno aos seis millóns e medio de euros, dos que case tres millóns de euros corresponden ao Plan E de Zapatero, para intervencións, xa en proceso de adxudicación, na Praza do Olvido, en Belvís, no Cruceiro do Galo, rúas de Carretas, Trinidad, San Clemente, Raxoi e Espírito Santo que, evidentemente, forman parte do ámbito da cidade histórica.

Así mesmo, cómpre aclarar que o Casco Histórico conta con fondos específicos do Consorcio, polo que non está incluído no programa Urbana Santiago Norte, pensado para investir noutras zonas da cidade e facer así unha distribución equitativa dos investimentos públicos.

Dende hai oito anos é coñecido publicamente que a oficina da Seguridade Social pecha en Azabachería pero se traslada a Galeras, a menos de 500 metros, co que o centro histórico non perde o servizo, como asegura Blanco.

En relación co presunto traslado da Comisaría de Policía o sr. Blanco adxudícase uns méritos incertos. É público que o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, optou sempre polo mantemento da mesma, de xeito que na actualidade o Goberno Municipal tramita as licencias necesarias para a realizacións das obras de mellora e acondicionamento do edificio de Rodrigo de Padrón.

En relación cos proxectos da Fundación Caixanova e o auditorio de El Pilar, Blanco deberá recoñecer que son produto das xestións realizadas directamente polo alcalde coa entidade financeira e van representar un importante pulo para a praza de Cervantes e o Preguntoiro. Isto, logo de que o edificio comercial de El Pilar permanecera pechado unha morea de anos e as xestións de Compostela Monumental para conseguir a súa apertura fracasaran. No día de mañá está convocado un Pleno extraordinario para aprobar definitivamente as modificacións do Plan Especial que farán viable o proxecto de Caixanova para o nomeado local.

En relación co Centro de Saúde, o sr. Blanco sabe perfectamente, como o restos dos cidadáns, que o Concello xa cedeu o terreo en Galeras para a súa próxima construción e a Consellería de Sanidade xa fixo público o proxecto do mesmo.

Finalmente, resulta sorprendente a incapacidade do sr. Blanco, o que resta credibilidade a todas as súas manifestacións, para recoñecer o labor que o Consorcio da Cidade vén desenvolvendo no ámbito do Casco Histórico dende a súa constitución. Ademais do seu descoñecemento da historia recente da cidade e dos plans postos en marcha e executados polo Consorcio, o xerente de Compostela Monumental amosa na súa nota de prensa unha gran falta de obxectividade.

Compartir: