COMERCIO

Promoción Económica abre o prazo de inscrición na edición de primavera do Concurso de Escaparatismo

08/04/2009 A Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo abriu o prazo de inscrición na edición de primavera do VI Concurso Municipal de Escaparatismo SCQ Shopping 2009, que finaliza o 20 de abril.

O Departamento comenzará o sábado 11 de abril a entregar as bases do certame, que este ano destina 36.581 euros a premios, aos aproximadamente 2.500 estabelecementos comerciais que existen en Santiago. O obxectivo do concurso, dirixido a todos os comercios da cidade, é contribuir á dinamización e mellora dos estabelecementos en activo, incentivando a súa capacidade creativa e a súa imaxe.

Os comercios interesados poden apuntarse de balde. Só teñen que cubrir o Boletín de inscrición que atoparán ao final das bases do concurso, na páxina web da Concellaría de Promoción Económica www.maiscompostela.org. e envialo por fax ao número 981 554 296. Tamén se pode realizar a inscrición enviando un correo electrónico a escaparatismo@santiagodecompostela.gal, no que consten os seguintes datos: nome do estabelecemento, sector ao que pertence, nome e apelidos do propietario, enderezo, teléfono, fax e correo electrónico (se o teñen).

O Concurso de Escaparatismo divídese en catro edicións: primavera, verán, outono, e Nadal. En cada unha delas prémianse tres comercios. Os premios para os comercios gañadores consisten en campañas publicitarias a nivel local por valor de 5.156 euros para o primeiro clasificado en cada unha das edicións, de 2.306 euros para o segundo, e de 1.682 euros para o terceiro clasificado. O xurado no que se integran asociacións de comerciantes, consumidores e expertos na materia, valora especialmente a orixinalidade, ambientación e eficacia da mensaxe publicitaria atendendo ás condicións dos establecementos. No certame prima tanto o escaparate como o interior do comercio.

Compartir: