FACENDA

A execución do orzamento de 2008 deixou un aforro neto de 4.780.507 euros

08/04/2009 Despois de varios anos de remanente negativo e tras o peche do Plan de Saneamento 2004/2007, a execución do orzamento do Concello en 2008 deixou un remanente positivo de tesourería de 693.777 euros para gastos xerais.

O concelleiro de Facenda, Andrés Fariña, salientou este dato do remanente positivo, unha vez resoltos os 330.753 euros de remanente negativo que quedaban do orzamento de 2007. Destacou tamén que "non hai débeda a curto prazo" e os case 50 millóns de euros para inversións dos que se dispón en 2009. "Estas contas de 2008 sanean definitivamente a tesourería do Concello e poñen as bases do futuro", indicou.

Fariña dixo "non estar satisfeito" do grao de execución dos gastos, pero recordou que o orzamento de 2008 comezou a aplicarse despois do mes de agosto, "retraso que entraba dentro da estratexia do Goberno ante un escenario económico incerto e que facía necesario, en primeiro lugar, sentar as bases das novas contratacións nos servizos do concello cara o ano 2009". Neste sentido, apuntou que a prioridade en 2008 fora a de facer fronte a unha situación de "inestabilidade orzamentaria". Agora, boa parte dos proxectos non executados no 2008 trasladáronse aos orzamentos de 2009, ano no que, contrariamente á situación de crise económica existente, o Concello terá os devanditos 50 millóns para executar inversións.

Aforro orzamentario e remanente de tesourería positivo
O aforro orzamentario, 4.780.507 euros, e froito dos aforros na realización de gastos financiados por ingresos propios por importe de 9,19 millóns de euros, o estado de execución negativo dos ingresos correntes (-3,84 millóns), a baixa dos créditos de proxectos de gasto por 0,22 millóns e o remanente negativo de tesourería do ano 2008 (-0,330 millóns).

O remanente de tesourería en 2008 é positivo, supoñendo un incremento respecto ao do ano 2007 de 1 millón, procedente dos 4,78 millóns positivos do resultado orzamentario, pero minorado polo axuste dos 1,90 millóns de dubidoso cobro e dos 1,87 millóns de desviación acumulada negativa dos gastos aprobados e financiados coa operación de endebedamento de 2008 non disposta. Este millón de euros de remanente queda nun remanente neto de tesourería de 693.777 euros por compensación do saldo negativo do ano 2007

Ingresos e gastos
O grado de execución do capítulo de ingresos –a diferenza entre as previsións e os dereitos finalmente recoñecidos- foi en total dun 59,74%. Así, mentres a execución nas operacións correntes alcanzou o 85,95%, nas operacións de capital quedou no 8,09%. Segundo explicou Andrés Fariña, este baixo grao de cumprimento das previsións de ingresos de capital debeuse fundamentalmente á falta de ingresos por ventas patrimoniais (a causa da crise inmobiliaria) e á non aplicación de préstamos.

En canto aos gastos, o grao de execución global chegou ao 62,67%. Nas operacións correntes a execución alcanzou o 88,71%. Neste capítulo destacou o concelleiro o aforro de máis de 5 millóns de euros producido no capítulo de gastos en bens correntes e servizos. Á hora de analizar o 31,09% da execución dos gastos de capital (inversións reais, transferencias e activos e pasivos financeiros) recordou de novo a influencia de non ter ingresado por ventas de parcelas e de non ter aplicado préstamos, o cal imposibilitaba a execución dos proxectos previstos no cadro de inversións do ano 2007. En todo caso, estes recursos son incorporados o ano 2009 pola operación de incorporación de remanentes.

Compartir: