DEPORTES

Empresa e deporte xuntan esforzos con vontade solidaria por terceiro ano consecutivo

07/04/2009 O domingo 24 de maio celebrarase a "III Carreira Solidaria Polígono do Tambre". Nesta edición, os fondos recadados irán para a Cociña Económica.

O vicepresidente da Fundación Compostela Deporte e concelleiro de Deportes, Andrés Fariña, e o presidente da Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre (AEPIT), Jesús Chenel, presentaron a "III Carreira Solidaria Polígono do Tambre", que se celebrará o 24 de maio nas estradas desta área empresarial compostelá. Ambas entidades xuntan esforzos por terceiro ano consecutivo con vontade solidaria, xa que os fondos que se recaden serán destinados integramente á Cociña Económica.

As entidades que colaborarán con esta terceira edición da Carreira Solidaria son: Concello de Santiago, Delegación en Santiago da Federación Galega de Atletismo –que levará o control técnico da proba-, Cruz Vermella, e Begano-Coca Cola. Na presentación tamén estivo presente o vicepresidente da AEPIT, José Fernández Alborés.

O vicepresidente da Fundación, Andrés Fariña, agradeceu ás entidades colaboradoras e destacou o carácter solidario da mesma. "Quero agradecer a AEPIT, á Federación e ao resto de entidades, a colaboración que prestan para levar adiante este evento deportivo solidario. no que sectores como o empresarial e o deportivo intentan acadar recursos en beneficio, neste caso, da Cociña Económica; e quero animar a todos os cidadáns a que participen", afirmou.

O presidente da AEPIT, Jesús Chenel, subliñou que a Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre "contribuirá un ano más a que a Carreira Solidaria se celebre nas nosas instalacións. Animo a todos os empresarios da nosa asociación a que participen. Aínda que corren momentos difíciles, calquera que sexa a nosa achega –cada un na medida das súas posibilidades- será unha boa contribución".

Cómpre lembrar que a Carreira Solidaria Polígono do Tambre está apadriñada polo atleta santiagués Pedro Nimo, do que partiu a iniciativa da súa celebración en 2007.

Participación aberta
O delegado en Santiago da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín, explicou que a proba será de participación aberta, tanto para atletas federados como non federados. Tamén indicou as características técnicas desta proba, que se desenvolverá por terceiro ano consecutivo nas estradas do Polígono Industrial do Tambre.

"Haberá dúas probas. Na primeira, de dous quilómetros, sairán os que opten por realizar o percorrido camiñando, os rapaces e rapazas menores de 12 anos e os atletas discapacitados. Na segunda, de sete quilómetros, haberá tres categorías: os/as atletas que teñan ata 18 anos; os/as que teñan entre 18 e 35; e os/as maiores de 35 anos", comentou.

Sanmartín agregou que todos aqueles que queira participar poden formalizar as súas inscricións ata o día anterior á carreira (23 de maio) a través do correo electrónico inscricionsFGA@gmail.com ou do número de fax 981 191 559. "Os interesados tamén poderán inscribirse no Polígono o mesmo día da proba. No momento da recollida do dorsal, cada un poderá facer o seu donativo, totalmente voluntario e en función das súas posibilidades", engadiu.

Compartir: