ALCALDÍA

O alcalde expresa a súa satisfacción "persoal e política" polos novos nomeamentos no Goberno

07/04/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, valorou os novos nomeamentos no Goberno español poucos minutos despois de que os fixera público o presidente José Luis Rodríguez Zapatero. En especial, manifestou a súa satisfacción "persoal e política" pola designación de José Blanco como ministro de Fomento.

Sánchez Bugallo apuntou que o nomeamento de José Blanco "transmite unha gran confianza" e amosouse convencido do seu compromiso coas infraestruturas de Galicia e co municipalismo. "Se hai alguén comprometido coas infraestruturas da Comunidade Autónoma e sensible ás demandas dos municipios ese é José Blanco", apuntou o alcalde, que estará na toma de posesión do novo ministro de Fomento.

Tamén expresou o seu "orgullo" polo feito de que Galicia estea representada no novo Goberno do Estado por cinco ministros. "Ningunha Comunidade Autónoma ten unha presenza semellante á de Galicia", engadiu.

Respecto ao conxunto dos cambios no Executivo, o alcalde afirmou que se trata dunha "decisión acertada, orientada a reforzar o Goberno con persoas de grande experiencia política e de xestión". Na súa opinión, trátase dun Goberno "sólido" para afrontar os tempos de crise e para "responder aos compromisos que terá España na presidencia da Unión Europea no primeiro semestre de 2010".

Compartir: