EMPREGO

Máis de 400 persoas beneficiaranse dos 26 cursos previstos polo Plan de Formación

07/04/2009 O concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Xosé Manuel Iglesias, presentou o Plan de formación e mellora da competitividade para os sectores industrial, da construción, do comercio e da hostalería para o ano 2009. Este programa conta con 26 accións formativas gratuítas, 13 presenciais e 13 de teleformación.

As 26 accións formativas suman 929 horas lectivas e ofertan un total de 425 prazas para persoas empadroadas e/ou que traballen no Concello de Santiago. Cun orzamento de 122.253 euros, este plan formativo está destinado ás persoas desempregadas e empregadas dos ámbitos da construción, do comercio, da hostelaría e da industria, así como a persoas promotoras de empresas recentes.

A Concellaría de Promoción Económica deseñou o Plan Formativo 2009 tendo en conta a difícil conxuntura económica actual, co obxectivo de que as persoas beneficiarias aumenten a súa capacitación profesional para ampliar as súas expectativas de inserción laboral. Preténdese tamén mellorar a calidade dos recursos humanos dos que dispoñen as empresas da cidade e, polo tanto, a competitividade das mesmas.

Comercio e hostalería
O Plan de Formación pode dividirse en tres partes. A primeira é a de formación para o sector comercial e hostaleiro. Aquí inclúese o Curso de inglés para a atención de persoas estranxeiras, que conta con 50 prazas divididas en seis edicións. O prazo de inscrición ábrese o luns 13 de abril, e está previsto que comece en maio. Está destinado a persoas propietarias e traballadoras en estabelecementos comerciais e hostaleiros de Santiago.

Cada persoa que acceda ao curso recibirá formación personalizada e adaptada ao seu propio negocio (con vocabulario específico), evitando os problemas que normalmente limitan a participación do comercio en actividades formativas: a incompatibilidade co horario comercial e a falta de adaptación á realidade concreta do sector.

Sector industrial
A segunda parte do Plan é a formación para o sector industrial e para persoas que recentemente puxeran en marcha unha iniciativa empresarial. Son 13 cursos que suman 355 horas lectivas e dos que se poden beneficiar 195 persoas. O seu obxectivo é mellorar a capacitación dos recursos humanos en competencias laborais de caracter horizontal útiles para distintos ámbitos empresariais.

Impartirase co sistema de teleformación online, pensado para facela máis accesible a un público que ten serias limitacións para seguir horarios fixos e participar en actividades formativas de carácter presencial. Os cursos programados son: Habilidades directivas, Calidade, Loxística integral, Liderado e xestión de equipos E-marketing, Organización e comunicación na empresa, Xestión Laboral, Presentacións eficaces, Atención á clientela, Xestión tributaria, Xestión contable, Axudas públicas e Marketing e PEMES. Está previsto que estes cursos se desenvolvan no segundo semestre do ano.

Construción
O terceiro grupo de cursos está destinado ao sector da construción. Prográmanse 12 cursos que suman 334 horas lectivas e ofertan 180 prazas. Os cursos foron seleccionados polas propias empresas e están deseñados para poder compaxinalos co traballo diario, para o que se fomenta o uso da teleformación naquelas materias que o permiten.

Tratase de cursos moi específicos sobre novos procedementos e tecnoloxías aplicables á construción. Os cursos programados son: Autocad, Instalacións de fontanería en tuberías multicapa, Deseño de sistemas de aire acondicionado, Análise de proxectos de enerxías renovables, Reformas e mantemento e edificios, Operador/a de carretillas elevadoras de dumper, operador/a de maquinaria de obras públicas, Ofimática básica para a construción, Talla en cantería, Enerxía solar fotovoltaica e Eficiencia enerxética en vivendas unifamiliares.

Formación 2008
En 2008, a Concellaría de Promoción Económica organizou 59 cursos que sumaron máis de 4.500 horas lectivas, e nos que se ofertaron unhas 800 prazas de formación. Estes cursos pertencían aos seguintes programas: Plan de FIP (Formación e Inserción Profesional), Plan de Formación do Concello de Santiago, Proxecto Crear V, e Obradoiro de Emprego Compostela Natural.

Só a través do Plan de Formación (estruturado a través dos programas da Rede de Cooperación Local e de Compostela Activa), en 2008 impartíronse 28 accións formativas que sumaron 738 horas de formación e das que se beneficiaron 456 persoas.

Compartir: