FACENDA

A débeda do Concello reduciuse máis de 30 millóns de euros nos últimos cinco anos

06/04/2009 O concelleiro de Facenda, Andrés Fariña, explicou en rolda de prensa que a débeda real do Concello é na actualidade de 62.455.146 euros. Así figura nos datos en posesión do Ministerio de Facenda e do Tribunal de Contas.

Fariña aclarou que se trata dunha débeda porcentualmente situada dentro da lei, que na actualidade permite aos concellos un endebedamento ata o 110 % dos seus ingresos correntes. Non obstante, o de Compostela situase no 67%. O concelleiro lembrou que no 2003 a débeda do Concello ascendía a 93 millóns de euros, que representaba o 120% do orzamento ordinario. "Isto pon de manifesto que a política desenvolvida polos gobernos de Sánchez Bugallo está na liña acertada, sen que isto signifique unha merma nin na xestión nin nos procesos de inversión e crecemento da cidade", apuntou.

Puntualizou tamén que o Plan de Saneamento 2004/07 fixou o tope máximo de débeda no remate do mesmo en 69.000.000 euros. Deste xeito, dixo, "queda de manifesto que a débeda é inferior ao previsto e que, ademais, imos reducíndoa sistematicamente". Ademais, a amortización prevista para este exercicio, entre a suma de intereses e capital, é de 10.189.000 euros, dos que 7 millóns se corresponden con amortizacións de capital e 3 millóns cos intereses, aproximadamente.

Finalmente, Fariña insistiu en que "a débeda, como queda dito, ascende a 62.455.146 euros, mentres que os dereitos recoñecidos de ingresos correntes netos superan os 91.000.000 euros".

Compartir: