ALCALDÍA

O Concello e Begano renovan a súa colaboración no 50 aniversario da firma

06/04/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, visitou a sede de Begano acompañado do alcalde da Coruña, Javier Losada, con motivo do 50 aniversario da firma concesionaria de Coca-Cola. Aproveitando esta visita, renovouse o convenio de colaboración entre a Fundación Compostela e Begano, que vincula a ambas entidades dende 2005.

O presidente de Begano, Federico Amor Sanjurjo, exerceu de anfitrión nesta visita e recordou a frutífera colaboración entre a firma e o Concello dende hai moitos anos e en diversos ámbitos. Así o referendou o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, quen aludiu á "colaboración permanente" dunha empresa, Begano, que está presente en Santiago dende 1963. O rexedor municipal asinou no Libro de Honra da firma e desexoulle "outros 50 anos tan exitosos".

En calidade de presidente da Fundación Compostela Deporte, Xosé A. Sánchez Bugallo asinou con Federico Amor Sanjurjo, o convenio polo que a empresa reforza o seu apoio ao deporte base de Santiago e a súa área de influencia.

En virtude deste acordo, Begano achega á Fundación en 2009 a cantidade de 27.000 euros, que se plasmarán na colaboración en diversos programas que fomenten a realización de actividades e eventos que axuden a promover o deporte na cidade. O acto tamén contou coa presenza do vicepresidente da Fundación e concelleiro de Deportes, Andrés Fariña.

Compartir: