ALCALDÍA

A Conferencia de Cidades do Arco Atlántico presenta as súas contribucións ás Redes Europeas de Transporte

03/04/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu na cidade francesa de Poitiers o Buró Executivo da Conferencia de Cidades do Arco Atlántico. No encontro debatéronse as contribucións dos territorios atlánticos ao escenario da crise e presentaranse as achegas da CCAA ao Libro Verde sobre as Redes de Transporte Transeuropeas e ao Libro Verde sobre a Cohesión Territorial.

Na sesión do Buró, presidido polo alcalde de Santiago, participaron as tres vicepresidencias da Conferencia: os alcaldes de Figueira da Foz e de Cardiff e a deputada europea e concelleira de Relacións Internacionais da cidade de Rennes, sendo acollidos en representación da cidade anfitriona pola tenente de alcalde e deputada europea, Bernadette Vergnaud. Estiveron tamén representadas as cidades de Caen, Nantes e Brest e a Conferencia de Rexións Periférico-Marítimas con quen a Conferencia de Cidades mantén unha estreita relación de cooperación dende a súa creación.

Entre as conclusións presentadas destaca, no marco da contribución ao Libro Verde sobre as Redes de Transporte Europeas, a solicitude que se fai dende a Conferencia para favorecer a intermodalidade e unha oferta de transporte integrado, incidindo no feito de que os denominados grandes corredores deben ser executados e conectados ás redes secundarias. Ademais, pídese establecer unha diferenciación entre as redes de carga e as de pasaxeiros, que o entramado urbano se inscriba como un principio director da futura rede e que se de un paso adiante no desenvolvemento das autopistas do mar e dos grandes portos do Atlántico.

Cohesión territorial, obxectivo prioritario
Polo que respecta á resposta da Conferencia ao Libro Verde sobre a Cohesión Territorial insírese nunha consulta ampla realizada pola Comisión Arco Atlántico da Conferencia de Rexións e na que se implicou a todos os axentes políticos, económicos e sociais do espazo atlántico. Insístese desde a Conferencia no feito de que a cohesión territorial, do mesmo modo que a cohesión económica e social, debe converterse nun obxectivo prioritario da Unión Europea e ser aplicado ao conxunto de políticas europeas presentes e futuras.

Estas consultas realizadas entre os membros da rede cobran unha especial importancia pola situación de crise económica e financeira a nivel mundial, polo que é de gran importancia coordinarse e cooperar nas respostas e na busca de solucións. Destácase que España presidirá a UE dende o 1 de xullo, sendo o país que ten na actualidade un maior número de membros na rede. É esencial que neste contexto a UE contribúa a mellorar a competitividade nos territorios, do mesmo modo que os Estados deben manterse unidos para definir as estratexias e que as políticas sectoriais deben orientarse cara a unha estratexia global, tendo presente que hai que facer coincidir as prioridades da Unión Europea coas dos Estados Membros.

A Comisión de Estratexia e Coordinación, coordinada por Santiago, está a traballar, co apoio da Secretaría Técnica da Conferencia, na consulta lanzada polo Comité das Rexións sobre a Estratexia de Lisboa, coa intención de que se reoriente en dous sentidos: por un lado, que se prime a cohesión social, e, en segundo lugar, que as entidades locais sexan tidas en conta na toma de decisións.

Entre os temas nos que está traballando a Comisión de desenvolvemento urbano sostible destacan a vivenda; a agricultura periurbana; os transportes, especialmente o que atinxe á mobilidade urbana e aos transportes de mercancías nas cidades; a enerxía; a xestión de residuos; a innovación para o desenvolvemento sostible e o cambio climático. Con respecto a este último punto, a Conferencia presentou en xaneiro a súa candidatura ao proxecto europeo "Settings", en colaboración coa "Unión de Cidades Bálticas", no marco da convocatoria do Interreg IVC.

A Comisión de Cidades Atractivas e Solidarias, dirixida por Fomento de San Sebastián fixo tamén as súas propostas para os vindeiros meses. Destaca a posta en marcha dos obxectivos aprobados na anterior Asemblea Xeral, na Carta de San Sebastián. Trátase de desenvolver proxectos nas cidades que sigan os principios de protección do medio ambiente, desenvolvemento económico e sostible, reforzamento da cohesión social e protección da identidade atlántica. Neste marco, aprobouse o proxecto KNOW-CITIES, no que participan un gran número de cidades da Conferencia e que se centra na elaboración dunha metodoloxía que fomente o impulso e facilite o acceso e a transición á economía do coñecemento como medio para acadar a cooperación transnacional en temas comúns ligados ao desenvolvemento urbano sostible como factor de atractividade e marketing urbano nas cidades atlánticas de tamaño medio.

Por último presentouse a axenda da próxima Asemblea Xeral, que terá lugar a finais de xuño na cidade de Caen, da Baixa-Normandía francesa e convocouse ás 34 cidades membros da rede a participar na mesma. Esta Asemblea dedicarase á Innovación e á Creatividade, en consoancia co Ano Europeo 2009, que está dedicado a estas temáticas.

Compartir: