COMERCIO

O Concurso de Escaparatismo destina máis de 36.000 euros a premios

03/04/2009 A VI Edición do Concurso de Escaparatismo SCQ Shopping, organizado pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, destinará a premios 36.580,98 euros. En cada unha das catro edicións das que consta o certame escóllense tres comercios gañadores. O obxectivo do certame é contribuir á dinamización e mellora dos estabelecementos en activo, incentivando a súa capacidade creativa e a súa imaxe.

O concurso, aprobado o martes 31 de marzo en Xunta de Goberno, está dirixido a todos os establecementos comerciais da cidade, co obxecto de incentivalos a ofrecer unha imaxe comercial coidada e orixinal de xeito continuo. A Concellaría ten previsto abrir a próxima semana a convocatoria da edición de Primavera.

O xurado, no que se integran asociacións de comerciantes, consumidores e expertos na materia, valora especialmente a orixinalidade, ambientación e eficacia da mensaxe publicitaria atendendo ás condicións dos establecementos. No certame prima tanto o escaparate como o interior do comercio. Os premios consisten en campañas publicitarias a nivel local por valor de 5.156 euros para cada un dos primeiros clasificados, de 2.306 euros para cada un dos segundos clasificados e de 1.682 euros para cada un dos terceiros clasificados.

A Concellaría de Promoción Económica e Comercio promove dende o ano 2004 o Concurso de Escaparatismo SCQ Shopping como medida de dinamización e mellora para os comercios en activo, e como incentivo da capacidade creativa, emprendedora e imaxinativa dos estabelecementos composteláns. Ao final de ano escóllese un gañador final, que en 2008 foi, por segundo ano consecutivo, a tenda de marroquinería Media Lúa.

Compartir: