XUVENTUDE

A segunda edición do "MúsicaXove" reunirá a unha ducia de grupos nas categorías de metal, hip hop, pop-rock e autor-folk

02/04/2009 O II Certame MúsicaXove’09, organizado pola Concellaría de Xuventude, xa ten seleccionados aos seus participantes, un total de 12 grupos elixidos entre as 25 propostas iniciais que competirán en catro modalidades diferentes os días 16, 23 e 30 de abril na Sala Capitol.

Segundo as bases do certame, participan todos os grupos que forman parte da Rede Galega de Locais de Ensaio (dependente da Dirección Xeral de Xuventude), para ser os mellores na súa categoría musical. Dende a Concellaría de Xuventude organizan este concurso para promover, impulsar e canalizar a creatividade musical da mocidade. Así, dos 25 candidatos iniciais catro foron grupos de fóra de Santiago, en concreto un de Ribadeo (Lugo), un de Boiro (A Coruña) e dous de Pontevedra.

O xurado do concurso reuniuse na tarde do mércores 1 de abril para facer unha escoita previa das maquetas que as bandas candidatas presentaron para participar no concurso. O xurado estivo composto por sete profesionais do eido musical da cidade: o concelleiro de Xuventude, Xosé Baqueiro; a directora da Escola Municipal de Música, Sara Domínguez; o locutor dos 40 Principais Gabi Davila; o músico Carlos Arévalo; o xerente da Sala Capitol, Antonio García Borrazás; o promotor musical vinculado á Reixa e á Sala Nasa, Francisco Villasenín; e o responsable do programa formativo musical dos locais, Daniel Lamas.

Tras a correspondente deliberación seleccionáronse tres grupos nas categorías de metal, hip hop, pop-rock e autor-folk, que tocarán obrigatoriamente no concerto final os dous temas presentados na maqueta e dúas cancións a maiores de elección libre. Os premios serán os seguintes:

- Catro primeiros premios, un por modalidade, de 2.000 euros cada un.
- Catro segundos premios, un por modalidade, de 1.000 euros cada un.
- E catro terceiros premios, tamén para cada modalidade, de 500 euros cada un.

Tres concertos e disco
Ademais, os gañadores terán a posibilidade de participar na edición dun disco recompilatorio de cada unha das actuacións, e de promocionar a súa música con diversas actuacións musicais: dúas para o gañador de cada modalidade e unha para o segundo e terceiro clasificado en cada categoría.

Pola categoría de metal concursan os grupos Soño Eterno (Santiago), The Weak Force (Santiago) e The Codename (Santiago), que tocarán a partir das 22:00 horas na Sala Capitol o xoves, 16 de abril. Os grupos de hip hop competirán o 23 de abril, á mesma hora e no mesmo lugar: Tramaturgia (Santiago), Mito Escrito (Santiago) e Bronquitis Crónica (Santiago).

A última xornada musical do certame será o xoves, 30 de abril, momento no que os tres grupos de pop-rock participantes, Frab Fly (Santiago), Agoraphobia (Boiro), e Sinestesia (Santiago) interpretarán os seus temas a partir das 22:00 horas na Sala Capitol. De seguido, actuarán Perpetradores de Actos (Pontevedra), Liridade Noctámbula (Santiago) e Roberto Sobrado (Santiago) na categoría de autor-folk.

Compartir: