CULTURA

A xente do teatro e da cidade homenaxean a Vidal Bolaño coa representación de "Doentes" polas rúas

21/10/2005 Carlos Blanco será o narrador que leve o fío desta historia, cun elenco de máis de vinte actores e actrices de Compostela e maila colaboración de diversas entidades, asociacións e bares da zona vella. Será o mércores 26 de outubro ás 21.30 horas. Os "doentes" partirán ás 21.30 horas do Hostal dos Reis Católicos.

Hai sete anos Vidal Bolaño protagonizaba a obra teatral "Doentes", que, ambientada nos anos 50, recrea a estrutura cíclica das "Luces de bohemia" de Valle Inclán: dous enfermos bótanse as rúas logo de se converter o Hospital dos Reis Católicos nun hostal. Nunha noite coñecen a miseria da posguerra polos submundos composteláns, a través dunha viaxe sen destino semellante á de Max Estrella e Latino de Hispalis, ou Leopold Bloom e Stephen Dedalus no Ulises de Joyce.

A obra fora estreada no Principal, e recorreuse a técnicas coma as transparencias para recuperar a Praza de Abastos tal e como era nos 50 ou o Edificio Castromil. Agora serán as rúas de verdade as que acollan ao elenco. O vestiario dos actores e actrices corre a cargo de Cloti Vaello e Gonzalo Vilas, a ambientación é de Kukas e a coordinación musical de Bernardo Martínez.

Ás 21.30 horas do mércores 26 de outubro os "doentes" partirán do Hostal dos Reis Católicos para percorrer as súas compostelanas. Miguel Varela, Pepe Soto, Pilar Pereira, Xulio Lago, Laura Ponte, Ursía Gago, Vinte Montoto, Rubén Ruibal ou Luma Gómez son algúns dos moitos actores e actrices que participan neste emotivo acto de homenaxe.

Direccións relacionadas



Compartir: