EDUCACIÓN

O mexicano Felipe Ugalde gaña o II Premio Compostela cun álbum de gran riqueza estética e literaria

02/04/2009 O ilustrador mexicano Felipe Ugalde proclamouse gañador da segunda edición do Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados, cunha obra da que o xurado destacou a súa gran riqueza técnica, estética e literaria. Por este proxecto, presentado co lema Sueños de grandeza, o autor recibirá 12.000 euros e o libro publicarase a finais de 2009 nas cinco linguas peninsulares.

A concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, e o director xerente de Kalandraka Editora, Xosé Ballesteros, fixeron público o nome do gañador, que se impuxo nunha edición á que se presentaron 280 traballos de 22 países. Destes, 182 procedían de España, 19 de Arxentina, 18 de Portugal, 13 de Italia e, en menor medida, de México, Brasil, Francia, Alemaña, Chile, Colombia, Croacia, Dinamarca, Eslovenia, Estonia, Israel, Líbano, Polonia, Reino Unido, Suíza, Turquía, Uruguai e Venezuela.

O xurado valorou o traballo de Felipe Ugalde como "o máis completo e equilibrado" dos presentados, en relación á complementariedade entre texto e imaxe, a principal cualidade que define o álbum ilustrado. O xurado cualificouno como un proxecto "sintético e rico en elementos, que desenvolve moi ben e gradúa de principio a fin o concepto do tempo".

Esta historia dun crocodilo que vai medrando en tamaño e pretensións, destaca tamén polo "valor metafórico" das imaxes, "que resumen as aspiracións do protagonista", cun "claro dominio" da técnica do acrílico. Un libro "que non ten idade", engade o comité, "que permite distintas lecturas" segundo os lectores sexan infantís ou adultos.

Felipe Ugalde Alcántara naceu en 1962 en México. Estudou Comunicación Gráfica na Escola Nacional de Artes Plásticas da UNAM, onde foi profesor de Ilustración. Ten recibido diversos galardóns, participou coa súa obra en exposicións e imparte obradoiros de plástica. Traballa como ilustrador de álbums infantís, libros de texto e material didáctico dende hai máis de 20 anos.

O italiano Tommaso Nava, finalista
O proxecto finalista deste II Premio Internacional Compostela é a obra do ilustrador italiano Tommaso Nava, co lema Dialogando con un papel en blanco. Trátase dun traballo "moi poético, elaborado cunha linguaxe plástica moi contemporánea", concluíu o xurado.

Destaca desta proposta "a alternancia de elementos que facilita a lectura global" e proporciona "descanso visual". Dende o punto de vista artístico, o traballo de Tommaso Nava, elaborado a lapis, resalta pola súa "plasticidade elemental e minimalista", logrando un "resultado brillante con mínimos recursos". En conxunto, este álbum, que aborda o proceso creativo do autor, consegue "implicar ao lector" na historia, aínda que no caso do público infantil é necesaria a intervención dun "mediador".

Tommaso Nava naceu en 1981 en Cantù (Italia). Estudou no Istituto Statale d’Arte de Cantù e na Accademia del Castello de Milán. Expuxo a súa obra en diversas mostras individuais e colectivas. Foi galardoado en certames como Scarpetta d’oro, en Italia, e Ein Sontag auf dem Lande, en Austria.

Mención especial para a arxentina Cecilia Alonso
Ademais, o xurado do II Premio Internacional Compostela concedeulle unha mención especial ao traballo da ilustradora arxentina Cecilia Afonso, co lema Las llevadoras. Trátase dun "canto ao feminino", como o definiu o tribunal cualificador, que destacou o carácter "poético" e a "musicalidade" da obra, cunha linguaxe plástica "limpa e clara" e cunhas ilustracións "delicadas e cheas de valor simbólico".

Cecilia Afonso Estévez naceu en Bos Aires en 1977. Estudou gravado na Escola Nacional de Belas Artes Prilidiano Pueyrredón. Pertence ao colectivo arxentino Foro de Ilustradores. Tamén ten participado en exposicións e en 2008 foi seleccionada para a mostra da Feira do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña (Italia). Actualmente traballa como ilustradora para unha revista de xardinería e paisaxismo.

Tanto Guadalupe Rodríguez como Xosé Ballesteros resaltaron o alto nivel literario e artístico dos traballos presentados. Ademais, falaron do eco internacional que está a ter o Premio e agradeceron a todos os autores e ilustradores a súa participación. O fallo do xurado faise público no Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil.

Compartir: