DEPORTES

A Volta Ciclista da Ascensión contará con algúns dos mellores equipos de elite e sub 23

01/04/2009 O vicepresidente da Fundación Compostela Deporte e concelleiro de Deportes, Andrés Fariña, e o presidente do Club Ciclista Compostelano – Muebles Compostela, Nemesio López, presentaron a vindeira edición da Volta Ciclista da Ascensión, que terá lugar os días 21, 22 e 23 de maio, para as categorías elite e sub 23. A carreira contará cun percorrido de 443,3 quilómetros e este será o terceiro ano consecutivo que se disputa. Unha das novidades da proba será o remate da segunda etapa en Sigüeiro.

Andrés Fariña expresou o seu agradecemento a todas as entidades públicas e privadas que farán posible a disputa da Volta por terceiro ano consecutivo: "Agradezo ao clube pola coorganización; a Federación e as empresas: Muebles Compostela, Grupo Brea, Xacobeo e Área Central, porque son momentos complicados. E unha mención especial ao Concello de Oroso e ao seu Alcalde. Non será a única vez que se lles invite a participar nun evento deste tipo; interesantes para Santiago e a súa comarca. E agradecer tamén a colaboración que nos vai a prestar Tráfico".

O presidente do Club Ciclista Compostelano, Nemesio López, subliñou que "este ano tivemos moitas solicitudes de equipos. E creo que podemos presentar un plantel de equipos bo e representativo. Están todos os equipos galegos (7), un ruso, dous portugueses e nove españois. Todos eles do mellor que hai na categoría".

A Volta Ciclista da Ascensión contará coa participación de dezanove equipos. Estarán os galegos Cidade de Lugo-Artesanía de Galicia, CC Cambre-Renault Caeiro, PC Luís Ocaña-Cymasa, CC Padronés-Aluminios Cortizo, GD Supermercados Froiz, CC Vigués-Chint Autronic e CC Spol Caixanova; o Camargo Ferroatlántica (Cantabria); o Diputación de León-Deyser (Castela León); o Sanse Spiuk de Madrid; o PC Manzanillo-Construcciones Paulino (Asturias); Andalucía Cajasur (Andalucía); Graman Hospedería Cañete (Castela A Mancha); os valencianos Valencia Terra i Mar, Universidad Politécnica de Valencia-Bancaja e Mutualidad de Levante-Cafemax; os portugueses: Crédito Agrícola Pombal e Elecler Santa María da Feira; e o Lokomotiv ruso.

López engadiu que o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Sabino Cortizo comentoulle que "este ano se suspenderon moitas probas en España. A crise afecta a todos e, como non, ao ciclismo. Sei que a Fundación está a facer un esforzo tremendo para acadar os recursos necesarios para celebrar a Volta e o CC Compostelano quere expresarlle o seu agradecemento, ao igual que ás entidades públicas e privadas que fan posible esta carreira", afirmou.

Un trazado innovador
O director técnico da proba, Guillermo Fernández, fixo un resumo de como será o desenvolvemento da Volta Ciclista da Ascensión 2009. "As tres etapas da competición comezarán cunha saída neutralizada dende o Centro Comercial Área Central. A primeira etapa, de 140,1 quilómetros con saída real en Santa Lucía, contará coas metas volantes de Silleda e Padrón e con tres portos puntuables para o Premio da Montaña, os altos de Candán, San Xurxo de Vea e Lampai".

Na segunda etapa o pelotón terá que completar un percorrido de 146 quilómetros. "A saída real será dende as instalacións do Grupo Brea, ata chegar a Sigüeiro (Concello de Oroso). As metas voantes desta xornada estarán situadas nas localidades de Ordes, Cerceda e Carballo. E o alto de Enxeriz será o porto puntuable para o Premio da Montaña".

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, expresou o seu agradecemento á Fundación e ao CC Compostelano por "pensar no Concello de Oroso como final de etapa. Para o noso municipio é un orgullo. Ademais, creo que a proba ten un cartel moi interesante e sei que esta Volta ten xa unha repercusión moi importante a nivel nacional".

Por último, a terceira etapa contará cunha distancia de 148,2 quilómetros. A saída real estará ubicada á altura da Escola Superior de Hostalería na Barcia. Fernández apuntou que os cinco portos puntuables para o Premio da Montaña serán os de Moimenta, Aguasantas, Mourentáns, Trasmonte e alto do Vento. As metas voantes estarán ubicadas nas localidades de Bertamiráns e Negreira.

"A última etapa e a máis movida de todas, probablemente os seús últimos 70 quilómetros teñan moito que dicir. Creo que a chegada a Sigüeiro na segunda etapa será espectacular e posiblemente o sprint estea asegurado. En xeral, fixemos un trazado innovador con respecto as dúas últimas edicións da proba. E é probable que este ano sea no que as etapas son máis distintas unhas de outras", comentou o director técnico da Volta.

A presentación tamén contou coa presenza do Presidente da Federación Galega de Ciclismo, Sabino Cortizo; do xerente de Área Central, Juan Carlos Losada; todos eles en representación das entidades públicas e privadas que colaboran coa Volta xunto ao Grupo Brea.

Compartir: