CULTURA

Teatro, danza e moita música no programa cultural do mes de abril en Compostela

01/04/2009 Presentouse a programación cultural do mes de abril, no que as artes escénicas e musicais ocupan unha posición central. Destacan eventos como a representación da premiada Urtain, da compañía Animalario, ou o espectáculo de danza A quinta do xordo, da compañía francesa de Catherine Diverrès.

A concelleira de Cultura, Socorro García, foi a encargada de debullar a programación de abril. No eido escénico a programación dá inicio o primeiro día do mes coa posta en escena, no Teatro Principal, de Aeroplanos, unha obra da compañía Lagarta Lagarta que ten como parella protagonista aos actores Ernesto Chao e X. M Olveira Pico. A peza representarase tamén na xornada do xoves día 2.

Un dos eventos de maior entidade do mes celebrarase os días 17 e 18 de abril, no Teatro Principal, coa obra Urtain, da compañía Animalario, incluída no ciclo Teatro e Danza en Xira. A peza, que toma protagonista a un boxeador mediocre alzado polo franquismo como un ídolo nacional, vén de ser galardoada na última edición dos premios Max de Teatro. Outro programa anual, o SCQ Danza, vivirá tamén unha cita imprescindible con A quinta do xordo, da compañía de Catherine Diverrès, bailarina e coreógrafa considerada como unha das maiores artistas do xénero a nivel europeo.

A música vai ser a outra gran protagonista do mes, tanto pola cantidade como pola calidade dos concertos programados. Por primeiro, poderemos gozar dos recitais do programa de Abono da Real Filharmonía de Galicia que, o xoves día 2, contará como director convidado a Paul Daniel e como piano solista a Andrei Gavrilov. Xa o día 22 visitará o Auditorio de Galicia a soprano Mélanie Diener baixo a batuta de Antoni Ros Marbà. Ademais, continúa o Ciclo de Piano Ángel Brage, que está achegar a Compostela pianistas de primeira talla mundial, desta volta cun recital do alemán Christian Zacharias, o venres 17.

Neste cuarto mes bota a andar unha nova edición do ciclo Revelando Voces, que pretende dar a coñecer a músicos novos da cidade a través dunha serie de concertos na Rede de Centros Socioculturais. Sacha na Horta e Ton Risco encetarán a edición de 2009 do ciclo. Pola súa banda, o Festival Sons da Diversidade vivirá a súa cuarta cita do ano con Projecto Miño, última proposta do contrabaixista ferrolán Baldo Martínez, na que se fusionan o jazz e a música tradicional das dúas beiras do Miño.

Cinema, capoeira, maxia, exposicións e moito máis
Mais o intenso programa cultural de abril chega a outros ámbitos culturais e artísticos. No cinematográfico, amais de continuar o ciclo Cinemas Dixitais, coa proxección de curtametraxes galegas nos Centros Socioculturais, botará a andar un programa de temática ambiental nomeado Imaxinando, promovido pola concellaría de Medio Ambiente.

Ademais, do 19 ao 25 de abril celebrarase a Compostela Máxica 09. Semana Internacional do Ilusionismo, convertendo a cidade na capital mundial da maxia. Outro evento de relevancia internacional celebrarase no Centro Sociocultural de Vite co Encontro Internacional de Capoeira-Angola, do 17 ao 19 do mes.

No tocante ás artes plásticas, mantéñense a exposicións de Antón Mouzo no Auditorio de Galicia, mentres que a mostra de Sara Fuentes Cid, na Zona "C", pode visitarse ata o 19 de abril. Dez días máis tarde, o mércores 29, collerá o seu relevo na galería de Bonaval Montse Rego coa súa intervención artística titulada Diñeiro, preparada especialmente para o espazo da Zona "C".

Documentos relacionados



Compartir: