EMPREGO

Oito entidades vinculadas ao mercado laboral asinan o Pacto Local polo Emprego

01/04/2009 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, asinou, en nome do Concello de Santiago, o Pacto Local polo Emprego de Santiago de Compostela (PLE) con representantes de outras sete entidades vinculadas ao mercado laboral: Xunta de Galicia, Universidade de Santiago de Compostela, sindicatos UXT e CCOO, Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre, Asociación de Empresarios de Hostalería, e Asociación Plataforma polo Emprego.

Os asinantes comprométense a xuntar esforzos en materia de emprego, creación de empresas, adaptabilidade e igualdade de oportunidades, co obxectivo de potenciar o desenvolvemento socioeconómico e a xeración de emprego en Santiago. Este compromiso plasmouse a través da sinatura de dous documentos: un acordo marco, asinado por todas as entidades no que se recollen os obxectivos comúns; e acordos bilaterais entre cada unha das entidades e o Concello, nos que se especifican as accións concretas que se van desenvolver.

O PLE conta cun orzamento estimado de oito millóns de euros. Para o desenvolvemento das actividades contempladas nos convenios o Ministerio de Administracións Públicas aporta unha subvención de 1.279.158,79 euros. A esta cantidade hai que sumar 2.700.000 euros do Concello destinados a accións de emprego e promoción económica que desenvolverá o propio goberno municipal. O 50% restante, máis de catro millóns de euros, foron comprometidos polo anterior Goberno autonómico e está previsto que os aporte a Xunta de Galicia.

Redución da taxa de desemprego
O Pacto Local polo Emprego será o marco operativo das políticas de emprego e promoción económica desenvolvidas pola Concello de Santiago ata o ano 2011. O pacto ten como finalidade reducir as taxas de desemprego a través da creación de emprego de calidade en coordinación cos axentes económicos e sociais vinculados ao desenvolvemento do mercado laboral en Compostela.

Para acadar este obxectivo, o PLE aposta por desenvolver programas de formación e inserción sociolaboral utilizando un sistema de orientación profesional personalizado; por incrementar o volume de servizos persoais a nenos/as, maiores, persoas discapacitadas, coidadores/as, mellorando así a cualificación dos profesionais do sector dos servizos persoais; por favorecer a creación e desenvolvemento de novas empresas na cidade; e por acadar a concertación entre actores locais e destinatarios finais.

Todas estas accións están contempladas no deseño do Pacto, que se articulará a través do segundo Plan de Acción Local polo Emprego que se desenvolverá en Santiago (o primeiro, que rematou en 2008, asinárase en 2006 entre as mesmas entidades). O proxecto contempla a realización de programas de inserción laboral, actividades formativas e xornadas informativas e de difusión que, segundo as previsións, chegarían a máis de 8.000 persoas.

Asinaron o pacto Xosé Manuel Iglesias Iglesias, concelleiro de Promoción Económica e Emprego; Miguel A. Vázquez Taín, vicerreitor de Economía e Financiamento da Universidade de Santiago; Jesús Asorey Carril, residente da Cámara de Comercio de Santiago; Bernabé García Domínguez, secretario de Administración e Finanzas da Unión Comarcal de UXT; María Concepción Trasande Sorey, secretaria comarcal de Comisións Obreiras; Jesús J. Chenel Noia, presidente da Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre; José Antonio Liñares Bar, presidente da Asociación de Empresarios de Hostalería; e Miguel Fernández Blanco, presidente da Asociación Plataforma polo Emprego

Unha vez asinado polos representantes destas entidades, o documento será remitido á Xunta de Galicia para que sexa asinado pola Dirección Xeral de Formación e Colocación e pola Dirección Xeral de Promoción do Emprego.

Compartir: