COMERCIO

O monologuista Rober Bodegas actuará na Gala do Comercio

27/03/2009 O monologuista Rober Bodegas actuará na IV Gala do Comercio, Compostela capital de compras, que será presentada pola xornalista de Correo Televisión, Inés Dopazo. O evento, organizado pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, é aberto ao público, e celebrarase o 31 de marzo, ás nove da noite, no Teatro Principal.

Rober Bodegas debutou como cómico no ano 2002. Dende entón gañou varios concursos de monólogos, como o do Festival Internacional Outono de Teatro ou o da Bienal da caricatura de Ourense. Estudiou comedia e técnicas de clown. Participou en espectáculos teatrais e de contacontos. A fama chegoulle tras gañar a primeira edición de El Rey de la Comedia entre 3.000 aspirantes. A publicidade abríulle as portas, converténdose na imaxe de Estrella Galicia. Colaborou en Radio Voz e agora faino para La Voz de Galicia. Ademáis de ser guionista e colaborador no programa de La Sexta Sé lo que hicisteis..., realiza xiras de actuacións en solitario, e este ano presentou a función teatral El día en el que empecé a odiar los yogures y otras desgracias.

Inés Dopazo licenciouse en Xornalismo pola Universidade de Santiago en 2001, ano no que empezou a traballar nos servizos informativos de Radio Obradoiro, a emisora do Grupo Correo Gallego. En 2007 incorporouse á cadea de televisión do grupo, Correo Televisión, e fíxose cargo da dirección e presentación dos informativos.

Como en edicións anteriores, na gala recoñecerase a traxectoria comercial de cinco estabelecementos de Santiago. Os comercios homenaxeados serán Fotos Arturo, Fotos Novoa, Curtidos Compostela, Talleres Arco máquinas e Magar, géneros de punto. No transcurso da gala tamén se entregará o premio anual de Escaparatismo 2008 ao estabelecemento Media Lúa, o premio ao Comercio máis participativo, dinámico e innovador, que na súa primeira edición recaiu en Xoiaría Xanana, e os premios aos comercios clasificados en primeiro e segundo lugar no Concurso Regalar custa pouco: Xocoátel e Noroeste, xoias de autor. Ademais, durante a gala, repartirase a publicación Marzo, mes do comercio, con información sobre as actividades destinadas ao sector e organizadas pola Concellaría de Promoción Económica.

Por razóns de organización internas, prégase ás persoas interesadas en acudir que confirmen a súa asistencia nos teléfonos 981 935 345 ou 981 569 196, ou no correo electrónico compostela@trevisani.es. Esta cita anual do sector ten como obxectivos fortalecer os lazos entre as/os comerciantes de Compostela, recoñecer a súa laboura e transmitir a importancia do sector á cidadanía, tanto a nivel social como económico.

Compartir: