MEDIO AMBIENTE

Compostela apoia a iniciativa "A Hora do Planeta" co apagado das luces da Catedral, o Pazo de Raxoi, San Francisco e San Martín Pinario

27/03/2009 O Concello de Santiago apoia a iniciativa de WWF/Adena A Hora do Planeta, que fará que o sábado 28, durante unha hora, se apaguen as luces dun gran número de edificios emblemáticos no mundo. Esta iniciativa pretende demostrar que a loita contra o cambio climático é posible e é a maior campaña en defensa do medio ambiente da historia. Nela participarán 1.200 millóns de persoas e están implicados gobernos, cidadáns e empresas nunha acción conxunta para chamar a atención sobre os efectos do quecemento global.

Máis de 3.000 cidades de 84 países amosaron xa o seu compromiso a apagar as luces dos seus edificios máis emblemáticos como xesto simbólico de apoio á Hora do Planeta. En España son moitas as cidades que se uniron a esta iniciativa. Madrid, Barcelona, Valencia, Zaragoza, Bilbao, Granada e Segovia, entre outras. Compostela é unha desas cidades e así, de 20:30 a 21:30 horas estarán apagadas as luces da Catedral e do Pazo de Raxoi, na Praza do Obradoiro, as de San Martiño Pinario e as de San Francisco.

En decembro deste ano, os líderes de 192 países reuniranse na Conferencia das Nacións Unidas sobre Cambio Climático que terá lugar en Copenhague para lograr un novo acordo global que dea continuidade ao protocolo de Kyoto. É a derradeira oportunidade que ten a humanidade para actuar de forma conxunta sobre o cambio climático e por iso WWF, a través da Hora do Planeta, quere mandar unha mensaxe clara esixindo un acordo ambicioso, xusto e equitativo e deixando patente que son moitos os cidadáns, políticos e empresas aos que lles importa, e moito, que ese acordo se consiga.

Compartir: