ALCALDÍA

Perto de 200 peregrinos da cidade croata de Sibenik asistirán o 18 de outubro á misa do peregrino na Catedral

17/10/2005 Coincidindo coa inauguración dunha exposición sobre o patrimonio histórico-artístico e natural de Croacia, case 200 peregrinos da cidade croata de Sibenik asistirán á misa do peregrino na Catedral.

O embaixador de Croacia en España, Filip Vûcak, e o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurarán o martes, 18 de outubro, ás 20.00 horas no Mosteiro de San Martiño Pinario a exposición fotográfica "Seis belezas do patrimonio da UNESCO: Catedral de Santiago de Sibenik. Patrimonio Cultural da Humanidade". Ao acto asistirán a alcaldesa da cidade croata de Sibenik, Neda Klaric, e o bispo da devandita cidade, Ante Ivas.

Na mesma xornada do martes 18 un grupo de máis de 170 peregrinos procedentes desta cidade e que chegan a Compostela o luns 17 de outubro acudirán á misa do peregrino ás 12.00 horas. O mércores, 19 de outubro, o bispo de Sibenik, Ante Ivas, oficiará ás 18.00 horas unha misa en croata na Catedral.

Sibenik, a máis vella cidade do Adriático, está vencellada con Compostela polo culto ao Apóstolo Santiago, a quen adica a súa Catedral, inicialmente de estilo románico e edificada no 1298. A actual catedral, gótico-renacentista, adicada tamén a Santiago, levou máis de cen anos na súa construcción, desde os seus inicios no 1431 ata a súa bendición no 1555, empregando únicamente pedra cun singular método de ensamblaxe. Na iconografía que alberga a Catedral o Apóstolo aparece como patrón de peregrinos, con bastón, concha de vieira, cabazo e sombreiro. Numerosas irmandades baixo o culto ao Apósotolo foron creadas nas vilas dos arredores da cidade, e no 1406 un grupo de peregrinos emprendera por vez primeira a peregrinaxe a Compostela.

Unha exposición do patrimonio histórico artístico croata

Independente desde 1991 e cunha rica e intensa historia, Croacia conta cun patrimonio histórico artístico singular, recoñecido pola UNESCO coa distinción como Patrimonio da Humanidade no ano 1979 da cidade de Duvrovnik ("a xoia do Adriático") e do núcleo histórico de Split. Forma parte da Lista de Patrimonio Mundial de espazos naturais o Parque Nacional dos Lagos de Plitvice. No 1991 a UNESCO incorporou a súa lista do patrimonio mundial a cidade histórica de Trogir, a catedral e Sibenik e o conxunto da basílica de San Eufrasio de Porec.

A exposición que se inaugura o martes recolle a tráves de perto de 80 fotografías este rico legado do patrimonio artístico e natural de Croacia.

Compartir: