SEGURIDADE CIDADÁ

Sufocado o incendio que calcinou cinco hectáreas no Pedroso

27/03/2009 A concelleira de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Marta Álvarez-Santullano, compareceu acompañada polo xefe dos Bombeiros de Santiago, Jesús Martínez, para dar conta do incendio acontecido no Pedroso, na zona de Pardaces, na madrugada do venres 27. Como resultado deste lume calcináronse entre 5 e 6 hectáreas, das calles unha era de monte arborado.

Álvarez-Santullano indicou que sobre as 3:00 horas foron alertados os corpos de extinción de incendios da Xunta, e sobre ás 5:00 horas acudiron tamén ao lugar dúas dotacións e todoterreos dos Bombeiros de Santiago. Segundo engadiu o xefe dos Bombeiros, o incendio foi controlado en torno ás 7:30 horas e quedou totalmente sufocado sobre as 11:00 horas.

Xesús Martínez apuntou que a do incendio era unha zona moi arborada e con abundante vexetación, o que dificultou as tarefas. Non obstante, o lume controlouse con rapidez aproveitando os camiños forestais. Subliñou que, debido á dirección do vento, finalmente non houbo perigo de que o lume se achegase ás casas.

Sobre as causas do incendio, a concelleira afirmou que "evidentemente foi provocado", aludindo directamente ás horas en que se produciu.

Compartir: