PLENO

Os catro primeiros alcaldes da Democracia darán nome a novas rúas da cidade

26/03/2009 Cando se están a piques de cumprir 30 anos das primeiras eleccións municipais democráticas, a cidade vai a homenaxear aos catro primeiros alcaldes deste período dándolle o seu nome a novas rúas. Así o acordou por unanimidade o Pleno municipal a proposta do alcalde.

Segundo explicou Sánchez Bugallo, "con esta proposta quérese recoñecer o esforzo na conquista dos dereitos e liberdades cidadáns durante a Transición e ata a súa consolidación conquistada ao longo deste período". É por ese motivo polo que outorgarán a rúas da cidade os nomes de José Antonio Souto Paz, Marcial Castro Guerra, Ernesto Viéitez Cortizo e Xerardo Estévez.

O 3 de abril de 1979, Santiago viviu as súas primeiras eleccións municipais democráticas. 17 días despois, o 20 de abril, constituíase a primeira Corporación municipal dentro do novos sistema democrático.

O primeiro alcalde co que contou Compostela foi José Antonio Souto Paz, membro da Unión de Centro Democrático (UCD). O 3 de setembro de 1981, Souto Paz presentaba a súa dimisión como alcalde e ocupaba o seu lugar, o 7 de setembro, Marcial Castro Guerra, tamén de UCD.

Na eleccións municipais de 1983 o Partido Socialista Obrero Español (PSOE) formou goberno coa axuda de UCD. O socialista Xerardo Estévez Fernández tomou posesión como alcalde e exerceu este cargo ata o 29 de abril de 1986, momento no que foi deposto por unha moción de censura provocada pola retirada do apoio de UCD. O 5 de maio de 1986 constituíuse o novo goberno municipal e nomeouse alcalde a Ernesto Viéitez Cortizo de Alianza Popular Alianza Popular (AP).

O ano seguinte, 1987 volveu ser ano de eleccións municipais e, desta volta, Xerado Estevez volveu facerse coa Alcaldía, que ostentaría ata o 19 de decembro de 1998, ano en que se fixo efectiva a súa retirada da vida política, substituíndoo o actual alcalde.

Este nomeamento forma parte dos actos de celebración desta efeméride con motivo dos 30 anos das corporacións democráticas. Así, con motivo do Día de Portas Abertas, que tamén se celebrará en abril, vaise realizar algún acto especial para conmemorar este trixésimo aniversario das primeiras eleccións municipais democráticas.

Documentos relacionados



Compartir: