CULTURA E CENTROS SOCIOCULTURAIS

A Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais conmemora o Banquete de Conxo

26/03/2009 A Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais homenaxeará un ano máis o Banquete de Conxo cun pequeno programa de actos no que a poesía será a grande protagonista da celebración do 153º aniversario da famosa xuntanza.

O venres 27 de marzo, ás 11:30 horas, o CSC "Aurelio Aguirre" de Conxo será o anfitrión do acto Poesía na rede que, coa participación de alumnado do IES Eduardo Pondal, se achegará aos Blogues poéticos en Galicia da man de Eduardo Estévez. Xa no serán, ás 20:00 horas, na escalinata de mármore do pavillón central do Hospital Psiquiátrico de Conxo realizarase un Brinde Poético coa intervención de Eduardo Estévez, Enma Pedreira, Alba Cid e Olalla Cociña, e co espectáculo poético-musical de Aldao+Lado.

153º aniversario do Banquete de Conxo
O Banquete de Conxo tivo lugar o 2 de marzo de 1856, sendo un xantar de confraternación entre os obreiros, artesáns e estudantes de Santiago. Con estas actividades, a Concellaría Cultura e Centros Socioculturais quere lembrar un acto que se tornou nun acontecemento de grande importancia simbólica e real dentro da memoria colectiva de Compostela, e mesmo da Historia nacional de Galicia.

A iniciativa do Banquete foi do poeta Aurelio Aguirre e no mesmo participaron persoeiros como Eduardo Pondal, quen realizara un enérxico e reivindicativo discurso. O banquete constituíu un xesto de fraternidade entre a clase traballadora e o estudantado, o cal suscitou o enfado dos sectores máis poderosos da Compostela da época. Tal foi o incomodo e o medo á insurrección popular que durante todo o xantar a carballeira onde se desenvolveu estivo rodeada por soldados.

Os propios Pondal e Aguirre foron ameazados con seren deportados ás Illas Marianas por causa do evento. Nun tempo de numerosas revoltas populares en toda Europa o banquete de Conxo foi un dos primeiros actos reivindicativos e de toma de consciencia nacional galega, alén de reivindicar os dereitos das clases máis populares do país.

Compartir: