FESTAS

Nova edición da Festa da Uña de San Lázaro, a exaltación gastronómica máis antiga de Galicia

26/03/2009 O concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro, presentou o programa das Festa da Uña de San Lázaro 2009, acompañado por dous membros da Asociación Cultural e de Festexos de San Lázaro, Mónica Rodríguez e Sandra Losada.

Segundo explicou Baqueiro, a Festa da Uña, que se celebrará entre os días 28 e 30 de marzo, é unha exaltación gastronómica e relixiosa que se celebra nos arredores da igrexa de San Lázaro, "unha pequena capela do século XVII dedicada ao tradicional patrón dos leprosos, e onde no século XII había unha leprosería, un convento, unha hospedería e un hospital hoxe desaparecidos".

Antigamente era tal a popularidade desta celebración relixiosa que os peregrinos, moi numerosos, aloxábanse nas hospedaxes e casas próximas á capela para poder asistir a unha das misas que se celebraban durante a mañá do domingo. A diferenza doutras cerimonias relixiosas, en San Lázaro non hai procesión.

A tradición indica que é típico comer uñas durante estas festas e, segundo informacións do presidente da desaparecida Orde da Uña, Manuel Iglesias, é o festexo máis antigo de Galicia. A degustación das uñas de porco, acompañadas de bertóns, chourizos, grelos e patacas, teñen o seu máximo expoñente na tradicional puxa das uñas do porco, que se celebra o luns 30 de marzo.

Aínda que non está moi clara a orixe desta celebración, Baqueiro dixo que como no resto de romarías galegas mestúrase o pagán co relixioso. Así, os ferigreses doan as pezas da puxa á igrexa para subastalas máis tarde. Este acto, convertido hoxe en día en simbólico, é o único que permaneceu inalterable durante todos estes anos, efectuándose incluso no 2000, cando non se celebraron as festas no barrio. A recadación final da puxa destínase a sufragar os gastos do templo.

Finalmente, os restaurantes ofrecen o representativo prato durante os días festivos, e son moitas as persoas que se achegan a probalo. Ademais, nas beirarrúas hai numerosos postos de produtos típicos para aos visitantes, como as rosquilleiras.

Cartel da Festa
As dúas representantes da comisión de festas explicaron polo miúdo todo o cartel deste ano. O sábado 28 haberá verbena a partir das 21:00 horas a cargo das orquestras Abanico e Samba. O domingo 29, a xornada comezará ás 10:00 horas cun pasarrúas da Charanga Mecánica. Xa ao mediodía haberá unha degustación de uñas na praza da igrexa, e ás 13:30 horas regresará a música coa actuación da Asociación Folclórica Coto da Nai, e de seguido a sesión vermú. Pola noite, a festa comezará ás 20:00 horas coa actuación das orquestras Olimpus e Nueva Generación.

O último día, o luns 30, a verbena estará amenizada a partir das 21:30 horas pola orquestra Panorama. Nesta xornada celebrarase a tradicional puxa das uñas, despois da misa das 11:00 horas. Todas as orquestras, atraccións de feira, polberías e churrerías instalaranse no aparcadoiro do estadio de San Lázaro, onde no caso de choiva se instalará unha carpa ao igual que no contorno da igrexa.

Compartir: