CULTURA

"Emma", do Teatro Arriaga de Bilbao, abre a programación do ciclo Teatro e Danza en Xira 2009

26/03/2009 O venres 27 de marzo, ás 21.00, a obra teatral Emma inicia o ciclo Teatro e Danza en Xira no Auditorio de Galicia. Trátase dunha produción do Teatro Arriaga que foi estreada a semana pasada, e que comeza a súa xira por España en Santiago.

O libreto presenta, na pel da televisiva Toni Acosta, ao personaxe real Emma Goldman, unha militante do anarquismo libertario de principios de século. Na presentación do ciclo, que fixeron a concelleira de Cultura, Socorro García Conde, e Paulo Rodríguez, director-xerente do Auditorio de Galicia, salientouse a dimensión de gran formato desta peza de teatro político. Tanto Emma como a montaxe coreográfica da compañía Gelabert Azzopardi que tamén estará en Teatro e Danza en Xira, son espectáculos dunha dimensión tal que serían difíciles de acoller de non ser por este ciclo.

Emma ten como punto de partida un personaxe real, Emma Goldman, unha muller que militou no anarquismo libertario nos Estados Unidos, de onde foi expulsada, unha muller crítica co rumbo da Revolución Rusa e unha muller adiantada ao seu tempo con postulados feministas dos que aínda é unha icona de referencia. Tamén foi defensora da homosexualidade nun momento en que tal cousa era impensable.

Por unha ou outra razón coñeceu frecuentemente a cadea e o exilio. Emma Goldman naceu en 1869 en Lituania no seo dunha familia xudía. Emigrou a Nova Iorque con 16 anos, onde traballou como obreira téxtil, uníndose ao movemento libertario. Autora de numerosos escritos e manifestos foi denominada "a muller máis perigosa de América" e expulsada dos Estados Unidos en 1919. Viviu en Europa durante uns anos e faleceu en Canadá en 1940.

Personaxe para o drama
A obra de Howard Zinn converte unha personaxe real nunha personaxe para o drama e faino poñendo no escenario a primeira Emma, a adolescente que quere entrar na vida e na sociedade que a rodea e que pensa que é necesario adoptar un compromiso, que as cousas poden e deben ser doutro xeito. A obra ten visos de traxedia, á maneira clásica, e tamén ten visos de drama romántico.

Fala das relacións sentimentais, e da ilusión, hoxe case esquecida, de que é posible unha sociedade máis xusta para todos. Howard Zinn, o autor de Emma, ensaista e dramaturgo, está considerado un dos historiadores máis importantes dos Estados Unidos de América. Zinn estivo inmerso no corazón dos grandes momentos políticos e sociais das últimas décadas, durante as cales non só foi admirado como gran cronista, senón considerado como unha das voces políticas e éticas máis respectadas. Pola súa banda. o actor e director bilbaíno Ramón Barea dirixe esta montaxe, producida polo propio Teatro Arriaga, cun extraordinario elenco de actrices e actores vascos

De Gelabert a Shakespeare
A programación do ciclo continuará en abril coa chegada de Urtain, a obra coa que a compañía Animalario, xunto co Centro Dramático Nacional, aborda a vida do mediático boxeador da España franquista. Os días 17 e 18 poderanse ver no Teatro Principal os rostros de Alberto Sanjuan ou Roberto Álamo. En maio será a quenda da danza co coreógrafo Cesc Gelabert, recoñecido co Premio Nacional de Danza do Ministerio de Cultura.

A programación previa ao verán rematará, en xuño, co espectáculo Brokers, un híbrido entre o teatro tradicional e o mundo do clown a cargo da compañía Yllana. Tras a interrupción estival, os espectáculos continuarán en setembro con Días de viño e rosas con Carmelo Gómez e Silvia Abascal. Por último, o ciclo rematará o 17 de decembro coa chegada ao Teatro Principal dun clásico shakespeariano: La Fierecilla Domada, cun elenco cheo de rostros televisivos.

As entradas do ciclo, están xa dispoñibles na web www.caixagalicia.es ou no teléfono 902 434 443 e poden adquirirse tamén o mesmo día do espectáculo nos despacho de billetes do Teatro Principal e do Auditorio de Galicia, en horario de 12:30 a 14:00 e de 18:00 a 21:00 horas. Os billetes para os espectáculos do Auditorio de Galicia terán un prezo único de 12 euros, con descontos do 50% para xubilados e menores de 25 anos. Pola súa banda, o custo das entradas das pezas acollidas no Teatro Principal irá de 6 a 12 euros, dependendo da situación da butaca.

Compartir: