INFRAESTRUTURAS

As rúas Vilagarcía, García Prieto e Sánchez Freire terán sentido único e gañarán amplas beirarrúas e zonas verdes

26/03/2009 No mes de maio comezarán as obras de reurbanización do tramo que comprende a avenida de Vilagarcía e as rúas García Prieto e Sánchez Freire. Esta actuación suporá unha substancial mellora da calidade urbana desta vía, entre Romero Donallo e a rotonda de Conxo, que contará con amplas beirarrúas, zonas verdes e mesmo dúas praciñas.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, explicou os obxectivos destas obras, incluídas entre as financiadas polo Fondo de Inversión Local, xunto co concelleiro de Infraestruturas, Bernardino Rama, e do arquitecto responsable da obra, Alfredo Varela. Segundo indicou o alcalde, esta actuación vai supor "unha mellora notable e unha harmonización desta vía", cuxa última reforma data de hai 14 anos.

Destacou Sánchez Bugallo a "irregularidade" desta vía, dun quilómetro de longo, con tramos de diferentes anchuras. Fronte a isto, o Concello decidiu optar por darlle un sentido único, en dirección a Conxo. Esta opción, dixo, responde "ás necesidades dos veciños e dos comercios e á funcionalidade". Neste sentido, apuntou que os tres enlaces coa avenida de Ferrol e outros tantos con Cornes facilitarán os xiros. Así se lle explicou aos veciños na xuntanza mantida con eles.

Entre as características da nova vía, indicou que a anchura mínima do carril será de 3,5 metros, con amplas beirarrúas dun mínimo de dous metros a ambos lados. Para facilitar o funcionamento dos comercios, habilitaranse ata catro áreas de carga e descarga. Fóra do horario, estas prazas uniranse ás outras prazas de aparcadoiro creadas, que serán en total preto de 100.

Outros aspectos a salientar na futura vía serán as dúas praciñas que se crearán, os farois na marxe esquerda e os puntos de luz á dereita, distintos tipos de áreas verdes ou os novos bancos. Para a recollida do lixo instalaranse tres illas de colectores soterrados.

As obras, que supoñen un investimento de preto de 1,5 millóns de euros, serán adxudicadas na primeira quincena de abril. As obras comezarán en maio, co obxectivo de que estean rematadas nun prazo de oito meses.

Compartir: