MEDIO AMBIENTE

Os máis pequenos plantan as primeiras 330 árbores dunha nova grande área verde entre Romero Donallo e Volta do Castro

26/03/2009 O parque de Volta do Castro acolleu a plantación de 330 árbores e arbustos, con motivo do día da Árbore e da Auga, celebrados o 21 e o 22 de marzo, respectivamente. Un grupo de 150 nenos e nenas do Colexio Quiroga Palacios, usuarios da residencia da terceira idade de Volta do Castro e algúns veciños da zona realizaron esta plantación, coa que tomaron conciencia do valor destes dous recursos no día a día.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, participou neste acto xunto coa concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, e con técnicos de Cespa e Aquagest. Ambos axudaron aos rapaces, de entre 6 a 11 anos, a plantar as árbores e explicáronlle o valor ambiental que estes teñen, tales como a purificación do aire e da auga, a protección do solo ou a moderación do clima, ademais dos froitos, madeira e fibras que proporcionan. Tamén puideron contemplar unha fonte reposta nesa mesma zona.

Os 330 árbores de 12 especies plantados son os primeiros dun novo parque de aproximadamente un quilómetro de longo. Irá dende Romero Donallo ata Volta do Castro. Así o anunciou o alcalde, que resaltou o feito de que "esta zona da cidade se desenvolva en contacto coa natureza". Dentro dun mes plantarase o resto do parque. Haberá especies como freixos, olmos, escornabois ou acivros, entre outras.

Os presentes en Volta do Catro recibiron o diverso material divulgativo editado pola Concellería de medio Ambiente con motivo desta celebración, como cartaces, trípticos, marcapáxinas, camisetas, gorras e vasos coa imaxe deste ano e coa imaxe das especies arbóreas que se plantaron. "Os máis pequenos deben coñecer os valores da natureza dende novos", apuntou Elvira Cienfuegos.

O Día da Árbore celebrouse por primeira vez en Galicia, concretamente en Mondoñedo, no século XVI. No ano 1971 foi declarado o día 21 de marzo como Día Forestal Mundial. En canto á auga, o 22 de marzo foi declarado Día da Auga no 1993 pola ONU. Neste 2009 quérese chamar a atención sobre a desigual distribución da auga do mundo, a dificultade para acceder a ela e a obriga de conservala e compartila.

Compartir: