XUVENTUDE

Xuventude presenta unha completa programación para a dinamización sociocultural da mocidade compostelá

25/03/2009 O concelleiro de Xuventude, Xosé Baqueiro, presentou o programa de actividades do departamento para 2009. "Trátase dunha programación moi completa e variada, con multitude de cursos e talleres e actividades centradas na promoción e dinamización sociocultural da mocidade, procurando desenvolver unha política xuvenil de xeito integral, transversal e para a participación dos máis novos", apuntou.

O esfozo municipal para este ano orienta as súas iniciativas a satisfacer as demandas da xuventude compostelá. Así, o concelleiro destacou a presenza do Centro Xoven de Creación Cultural, na Almáciga, e a ampliación e novos servizos dos Locais Municipais de Música para a Xuventude de Compostela, no estadio de San Lázaro, onde a día de hoxe ensaian 38 grupos. Ademais, dentro do Centro Xuvenil Municipal O Ensanche atópase a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), na que se ofrece información a todos os mozos e mozas sobre as actividades da cidade, ademais de dispoñer de novas terminais de acceso libre a internet.

Baqueiro destacou a grande importancia social da Nave, un espazo proxectado para construír dentro do Centro Xoven de Creación Cultural, con fondos do plan europeo URBAN. Este espazo será un centro aberto e dinámico onde convivirán todo tipo de propostas artísticas: teatro, música, baile e moitas outras propostas culturais. Segundo o concelleiro, xa está superada unha primeira fase que contou con 200.000 euros de orzamento para a equipación, e está prevista unha segunda fase para a construción do edificio con 400.000 euros, e que inicialmente "inaugurarase coincidindo co Xacobeo 2010".

Outra liña do programa de Xuventude son os cursos e talleres. Actualmente, xa están en marcha os cursos de fotografía analóxica e dixital introducción, fotografía dixital perfeccionamento e retoque fotográfico e deseño gráfico; e para os próximos días están programados os cursos de fotografía analóxica perfeccionamento, a Aula de educación canina: curso de cans de familia (coa inscrición xa pechada e cuberta), e o Taller de cociña para saír do paso. Baqueiro tamén destacou a celebración os días 13 e 14 de febreiro do 1º Encontro educativo para o desenvolvemento persoal da xuventude no mercado laboral: Mantente en formación, no que se contou coa presenza de máis de 400 alumnos de ensinanza secundaria.

Novas liñas de traballo
Dentro da longa lista de programas culturais e sociais programados para 2009 destacan o Servizo local de accións do Programa Europeo Xuventude en Acción ou o Programa de Voluntariado. COMPOSTELAXOVE 2010. Este último trátase dun traballo de sensibilización arredor do voluntariado co obxectivo de contar no próximo Xacobeo 2010 cun servizo de voluntariado de acollida e información para recibir aos grupos de mozos que desde calquera parte do mundo visiten Santiago.

Ademais, o Programa de apoio do asociacionismo xuvenil ofrece apoio económico e material para que os máis novos poidar desenvolver as súas iniciativas. Por outro lado, a Carpa itinerante polos centros de ensino percorrerá nos meses de abril e maio os centros de secundaria para presentar a programación de Xuventude ao alumnado e ofrecer unha serie de actuacións musicais e espectáculos de artistas plásticos. A carpa traballará en fomentar as asociacións xuvenís culturais e solidarias e ofrecerá charlas sobre drogodependencia e a relación afectivo-sexual.

Outra liña de traballo é o Ocio alternativo na Sala Capitol. Segundo Baqueiro, seguindo a liña do foro iniciado no Concello sobre o botellón, o Departamento de Xuventude plantexou unha serie de actividades para o ocio nocturo. Así, este ano a Capitol acollerá de novo a segunda edición de MúsicaXove (que se celebrará os xoves 16, 23 e 30 de abril e para a que xa hai inscritos 28 grupos), ademais doutros concertos de fin de semana, como o celebrado o 20 de abril e o previsto para o 15 de abril pola Cadena Dial no que actuará Alex Ubago.

De momento, está prevista a celebración dun concerto por mes, onde se combinará a actuación de grupos dos locais de ensaio de Santiago con grupos convidados doutros espazos da Rede Galega de Locais de Ensaio e grupos invitados que estean de xira pola cidade. Nesta liña, estase a celebrar o Ciclo IMPORTA SANTIAGO D. C. (como antesala ao 2010), con grupos internacionais como dEus (Bélxica), Gogol Bordello (Nova York), Tindersticks (Inglaterra) e Millencolin (Suecia) que actuará o 17 de abril.

Outros programas a destacar:

· Programa de cine: son diferentes propostas para coñecer o cine de autor. Hai dous ciclos previstos: Ciclo Noutra Onda e Ciclo Abre os Ollos do 4-8 de maio e do 5-9 de outubro, e ademais o Primeiro festival de curtametraxes, así como o Taller de realización de curtametraxes e o Curso de realización de documentais. En todas as sesión inclúese unha presentación e un debate final. Esta actividade estará coordinada polo xornalista especializado en cine da TVG e Radio Galega Moncho Lemos.

· Compostela Skate: programa de cultura urbana: en colaboración co colectivo compostelán de Cultura Urbana programaranse unha serie de actividades de arte ubana: graffiti, breakdance, skate ou hip-hop. Ademais, está previsto durante as festas da Ascensión (22-23 de maio) un evento no que se reúnan todas estas artes urbanas. E finalmente prevese a construción dun circuíto de skate itinerante por diversos espazos públicos da cidade.

· Programa de prevención sobre drogodependencias: en colaboración coa UMAD (Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes) de Santiago, daranse sesión informativas e cursos nos centros de ensino, asociacións e outros colectivos.

· Educación afectivo-sexual: en colaboración co XENEME, potenciarase o programa de educación afectivo-sexual (EAS) que se está a desevolver polos institutos de Santiago.

· Deporte para a xuventude: realizaranse unha serie de actividades deportivas como sendeirismo, moutain bike, escalada, skate e actividades naúticas.

Finalmente, Baqueiro destacou outros cursos pendientes de celebrar como o Taller de breakdance; o Taller de interpretación teatral. A creación do personaxe, dirixido polo director da Aula de Teatro da USC, Roberto Salgueiro; e o curso de adolescencia e cidadanía.

Máis información en www.xuventude.eu

Compartir: