CONSORCIO

O Consorcio pon en marcha o proxecto global de conservación e restauración dos retablos de Ánimas

25/03/2009 O alcalde e presidente do Consorcio de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, presentou o proxecto de conservación e restauración global dos retablos da Capela Xeral de Ánimas, tras dous anos e medio de estudo e traballo como base de actuación para o conxunto artístico.

Este estudo reflicte a técnica de execución diferenciada en dúas partes, dependendo do material constitutivo da obra. Por un lado, o arco e banco de cada altar, construídos en madeira policromada e, por outro, as escenografías realizadas en estuco de xeso, aplicado sobre estrutura de ladrillo e posteriormente policromadas. Á vista da complexidade desta actuación, recalcou Sánchez Bugallo que "a Administración pública ten que intervir para preservar un ben que é de todos, porque a día de hoxe é impensable que as parroquias financien as rehabilitacións das súas igrexas".

A raíz dun primeiro informe, o Consorcio asinou un convenio de colaboración co Opificio delle Pietre Dure (OPD) de Florencia e creou un obradoiro de formación para restauradores conservadores, o que permitiu coñecer as dificultades técnicas que encerra a elaboración do estuco de xeso. Os técnicos da OPD centraron a atención no problema de consolidación do estuco, incidindo na necesidade dun máis amplo proxecto de conservación de todo o conxunto arquitectónico.

Das conclusións obtidas en colaboración co OPD desenvolveuse un primeiro proxecto para a intervención sobre dous retablos, de tal xeito que estes serviran de mostra para a elaboración do proxecto definitivo dos sete restantes retablos da Capela das Ánimas.

Obra mestra de Manuel de Prado
Manuel de Prado realiza esta decoración escultórica da Capela entre 1804 e 1814, considerada como unha das súas obras mestras. As pezas plantéxanse como espello do mundo clásico, pois o estuco é unha técnica tipicamente italiana, unna técnica decorativa moi utilizada polos romanos e amplamente citada por Plinio e Vitrubio. Deste xeito protagoniza a recuperación estética e temática da romanidade durante o Renacemento, sendo rescatada despois durante o Neoclasicismo.

Cómpre dicir que a lectura do conxunto iconográfico dos retablos preséntase incompleta. Así, as nove pezas escultóricas que se conservan na actualidade na Capela das Ánimas (incluíndo o retablo maior) son parte dos trece releves proxectados inicialmente e nunca realizados. O ciclo representado é a Paixón, Morte e Resurrección de Cristo.

Orixe da capela das Ánimas
Os retablos de Manuel de Prado están ligados á fundación da Confraría Xeral de Ánimas en 1655. Esta confraría estaba formada por clérigos e laicos ilustrados pertencentes á nobreza e á Universidade. Un colectivo que exerceu o apostolado, impregnado dun profundo caracter franciscano e un elevado sentido da caridade cristiá. Tratábase dunha agrupación que exercía a solidariedade veciñal e que influía sobre a sociedade urbana do momento grazas a solvencia económica do grupo.

As obras da igrexa deron comezo o 8 de abril de 1784 e a súa consagración tivo lugar o 31 de agosto de 1788, converténdose no máximo exemplo de arte neoclásico da cidade. O propio arquitecto da igrexa, Melchor de Prado Mariño, foi o inspirador do discurso iconográfico destinado a vestir as numerosas capelas do templo, que foi executado polo seu irmán Manuel de Prado.

O programa escultórico de Manuel de Prado evoca a concepción escenográfica das capelas dos Sacromontes europeos e a especial importancia do Vía Crucis, en estreita conexión co carácter da propia Confraría Xeral de Ánimas.

Compartir: