COMERCIO

Recoñecemento municipal aos comercios composteláns pola súa contribución a facer cidade

24/03/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo,recibiu en Raxoi aos representantes dos estabelecementos que serán homenaxeados e premiados na IV Gala do Comercio Compostela, capital de compras, que celebrará o 31 de marzo, ás 21:00 horas, no Teatro Principal.

Sánchez Bugallo expresou o seu agradecemento aos comercios homenaxeados pola súa contribución a "facer unha cidade cálida e acolledora" e polos servizos que prestan aos composteláns. "Estamos orgullosos do noso comercio", engadiu.

Acompañou ao alcalde na recepción o concelleiro de Promoción Económica e Comercio, Xosé Manuel Iglesias, que se referiu ao labor dos comercios para "darlle vida á cidade". Recoñeceu a "traxectoria, traballo e mesmo servizo público" dos estabelecementos homenaxeados.

Entre os recoñecidos estaban os comercios homenaxeados nesta edición pola súa longa traxectoria e por ter pasado de xeración a xeración dentro dunha mesma familia. É o caso nesta ocasión de Fotos Arturo, Fotos Novoa, Curtidos Compostela, Talleres Arco Máquinas e Magar Géneros de Punto.

Fotos Arturo é un establecemento fundado en 1937 e situado na rúa do Vilar, 27. É explotado no seo dunha mesma familia. Do mesmo sector é Fotos Nova, fundado en 1950 e igualmente xestionado nunha mesma familia. Está na rúa do Preguntoiro, 27.

Pola súa parte, o establecemento familiar Curtidos Compostela (rúa do Preguntoiro, 32) está aberto dende 1954. Tres anos despois naceu Talleres Arco Máquinas, situado na praza de Mazarelos, 15. Finalmente, Magar Géneros de Punto (rúa da Caldeirería, 33), está xestionado por unha mesma familia dende a súa fundación en 1963.

Gañadores dos certames comerciais
Tamén foi recibido en Raxoi a representante do gañador anual do V Concurso Municipal de Escaparatismo SCQ Shopping, a tenda de marroquinería Media Lúa; a do recoñecido como estabelecemento máis participativo, dinámico e innovador, a Xoiería Xanana; e os dos comercios premiados no Concurso Regalar custa pouco, Xocoátel e Noroeste, xoias de autor.

A IV Gala do Comercio ten como obxectivos fortalecer os lazos entre os comerciantes de Compostela, recoñecer o seu labor e transmitir a importancia do sector á cidadanía, tanto a nivel social como económico. A entrada á Gala, que é aberta ao público, é gratuíta.

Compartir: