MERCADOS

A Praza Roxa acollerá un mercado de paxaros, plantas e flores os primeiros sábados de mes

24/03/2009 Mostra Natura do Ensanche é o título dunha nova actividade que pretende enriquecer a oferta de ocio do Ensanche. Os primeiros sábados de cada mes, a Praza Roxa acollerá un singular mercado de paxaros, plantas e flores, acompañado de obradoiros infantís.

O concelleiro de Mercados, Carlos Nieves, presentou esta actividade, que se celebrará os primeiros sábados de mes en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas. Os que se acheguen ata a Praza Roxa atoparán varios postos de exposición e venda de flores e plantas e de paxaros. Xunto a eles, obradoiros infantís relacionados co tema, de tal xeito que adultos e pequenos teñen unha oferta máis de ocio ao aire libre. A primeira oportunidade de comprobalo, o sábado 4 de abril.

Patrocinada pola Concellería de Mercados, Mostra Natura está organizada por Santiago Centro e da Asociación de Produtores de Plantas Ornamentais de Galicia (ASPROGA), coa colaboración da Sociedade Compostelá de Ornitoloxía e da Asociación Galega do Canario de Canto. Elixiuse a Praza Roxa para o evento polo ser o punto de referencia do Ensanche.

En palabras do presidente do Patronato da Fundación Santiago Centro, José María Fernández, esta mostra é "unha proba das accións dinamizadoras que se poden realizar no Ensanche" e expresou o seu desexo de que esta actividade teña éxito e se prolongue no tempo. Nesa mesma liña se pronunciou Santiago Ramos, en representación de ASPROGA, e Edelmiro Prieto, en nome das dúas asociacións ornitolóxicas.

Compartir: