ALCALDÍA

O alcalde promete a colaboración do Concello na implantación das liñas de ferrocarril de proximidade

23/03/2009 O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu aos representantes da Asociación de Amigos do Ferrocarril encabezada polo seu presidente, Carlos Abellán. Na xuntanza estiveron presentes o alcalde de Padrón, Camilo Forján, e o concelleiro delegado de Transportes, Carlos Nieves.

Os representantes da asociación expuxéronlle ao alcalde a súa preocupación e interese porque se implante unha rede de tráfico ferroviario de proximidade co núcleo central na capital de Galicia. Achegaron un escrito que reflicte os seus criterios ao respecto. Sánchez Bugallo manifestoulles que existe un compromiso plenario por parte da Corporación de colaborar coa creación das devanditas liñas que é, tamén, a súa vontade persoal.

O alcalde falou dunha comisión integrada polos concellos afectados por esta reivindicación e manifestou que o concelleiro Carlos Nieves estará presente nesa comisión como delegado do Concello de Santiago. Deseguido explicou que este asunto é competencia da Comunidade Autónoma e corresponde ao novo goberno da Xunta manifestarse ao respecto.

Tres temas máis foron tratados ao longo da entrevista, que durou case dúas horas, e tivo lugar no propio despacho do alcalde. Sánchez Bugallo explicoulles aos representantes da Asociación de Amigos do Ferrocarril, as liñas xerais do proxecto da futura estación do AVE, que a converterá na estación central de Galicia. Carlos Abellán anunciou aos presentes a intención de celebrar en Santiago, no mes de maio do ano 2010, un congreso internacional de Amigos do Ferrocarril de toda Europa.

No decurso da conversa xurdiu a idea de realizar unha exposición sobre a historia da estación de Cornes, unha vez inaugurado o novo edificio da Casa do Asociacionismo, instalada no espazo que ocupou a devandita e histórica estación. O alcalde comprometeu a colaboración do Concello en ambas iniciativas.

Compartir: