CONSORCIO

Visita ás escavacións arqueolóxicas no edificio do Banco de España

23/03/2009 O alcalde compostelán e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, realizou unha visita ás escavacións que se están a realizar no edificio do antigo Banco de España, acompañado por técnicos da entidade e xornalistas. Nas mesmas, puideron observarse os restos descubertos da muralla da cidade do século X.

En opinión do alcalde, este é "un descubrimento inesperado e moi importante que vén a confirmar a tese do profesor Alsina sobre a existencia desta muralla". "Dispoñiamos de certos coñecementos sen contrastar a través de crónicas escritas no século XI, pero agora realmente empeza a visualizarse ese recinto defensivo", engadiu.

Para Sánchez Bugallo, os restos da antiga muralla de Santiago están no "sitio idóneo", no futuro Museo da Cidade e das Peregrinacións, o que "enriquecerá a súa visita". Este valioso descubrimento aumenta a complexidade do proxecto arquitectónico do antigo Banco de España, e "probabelmente o demore". De momento non é posible falar de datas.

Acompañaron ao alcalde na visita o xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva; o historiador e director do programa URBE, Fernando López Alsina; a arqueóloga responsable das escavacións, Dolores Gil Agra; e o director da Oficina Técnica do Consorcio, Ángel Panero Pardo.

Compartir: