ALCALDÍA

O Concello únese á campaña da Fundación +árboles para reverdercer o Camiño con sementes de nendo dango

23/03/2009 A Fundación +árboles vai repartir ao longo do Camiño de Santiago e a partir do mes de outubro 150.000 bolsiñas de nendo dango (bola de arxila), co obxecto de reverdecer este itinerario. O Concello de Santiago únese a esta iniciativa e ofreceu á Fundación plantar unha superficie da cidade tamén con esta técnica, tal como a entidade fixo xa en Leganés ou Cornellá.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presentou esta iniciativa, que no caso do Camiño de Santiago está apadriñada polo líder do grupo Jarabe de Palo, Pau Donés, quen se comprometeu tamén a apadriñar ese bosque que no seu día se prante en Santiago. O cantante animou á xente a participar nesta campaña, e recordou que "plantar unha árbore non require un coñecemento previo, só gañas de que o planeta luza verde".

Nesta idea incidiu tamén o presentador do programa dos 40 Principales Internight, Tony Aguilar, quen resaltou a importancia de campañas como esta para "lograr unha concienciación ecolóxica". Indicou que se repartirán 150.000 bolsiñas de nendo dango a partir do mes de outubro e expresou a súa confianza en ter pronto ese bosque plantado en Compostela.

Pola súa parte, o director da Fundación +árboles, Óscar Rando, explicou que esta campaña contribuirá ao obxectivo da entidade de plantar 100 millóns de árbores antes de 2011, como modo de combater o cambio climático. "Plantar árbores é algo tan sinxelo que só require vontade", dixo, indicando que os peregrinos fan gala precisamente de moita vontade.

Os peregrinos recibirán as bolsiñas de nendo dango e poderán esparexelas en distintas zonas do camiño. En cada una das zonas, as bolas de arxila terán distintas especies, en función das variedades propias desa área do Camiño. A Fundación agarda que, ademais do Concello de Santiago, se unan a esta iniciativa o resto de municipios da ruta xacobea e outras entidades públicas e privadas.

Nendo dango, sementes cheas de vida
"Cando tiramos nendo dango, sementamos como Deus. Cando facemos nendo dango hai que sentir que somos Deus e estamos metendo alma na boliña de arxila". Así se expresaba Masanobu Fukuoka, o creador deste método de reforestación natural. Consiste en botar sementes de árbores e arbustos envoltas nunha capa de arxila.

Nendo dango significa precisamente bolas de arxila en xaponés. A arxila, ao estar mesturada con abonos e repelentes naturais, aumenta o rendemento das sementes, ademais de protexela de paxaros e roedores unha vez seca. É a chuvia a que libera ás futuras árbores da súa casca e a que as axuda a xerminar.

Segundo o creador desta técnica, o nendo dango é moito máis eficiente que os métodos tradicionais de reforestación. Aproximada mente un 2% das sementes plantadas con nendo dango xerminan, fronte ao 0,2% que o fan mediante outros sistemas.

Masanobu Fukuoka morreu o pasado mes de agosto aos 95 anos e deixou como herdanza unha maneira de relacionarse coa terra tan radical como a súa filosofía de vida (Wu Wei, Non facer): a agricultura natural. O seu método de reforestación non pretende outra cousa que reverdecer as zonas máis áridas e desérticas, cun custo económico moi baixo e un potencial alto en canto a resultados.

Compartir: