CULTURA

"Emma" abre a programación do ciclo Teatro e Danza en Xira para 2009

23/03/2009 A obra teatral Emma abrirá, o venres 27 de marzo, unha nova edición do ciclo Teatro e Danza en Xira, que traerá a Santiago algunhas das representacións máis salientables do panorama español. Serán seis espectáculos que chegarán nos meses de marzo, abril, maio, xuño, setembro e decembro.

A concelleira de Cultura, Socorro García Conde, e o director-xerente do Auditorio, Paulo Rodríguez, presentaron os espectáculos. En palabras da primeira, o ciclo trae á cidade a cantidade de caras coñecidas, o que sen dúbida, "vai contribuír a que o programa teña público".

O venres 27 de marzo, ás 21.00 horas, Emma iniciará o ciclo no Auditorio de Galicia. Trátase dunha produción do Teatro Arriaga recentemente estreada e que comeza a súa xira por España en Santiago. O libreto presenta, na pel da televisiva Toni Acosta, ao personaxe real Emma Goldman, unha militante do anarquismo libertario de principios de século. O director-xerente do Auditorio quixo salientar a dimensión de gran formato desta peza de teatro político. Tanto Emma como a montaxe coreográfica da compañía Gelabert Azzopardi, dixo, son espectáculos dunha dimensión tal que serían difíciles de acoller de non ser por este ciclo.

De Gelabert a Shakespeare
A programación do ciclo continuará en abril coa chegada de Urtain, a obra coa que a compañía Animalario, xunto co Centro Dramático Nacional, aborda a vida do mediático boxeador da España franquista. Os días 17 e 18 poderanse ver no Teatro Principal os rostros de Alberto San Juan ou Roberto Álamo, quen recibiu o premio ao Mellor Actor Revelación da Unión de Actores pola súa interpretación do púxil.

En maio será a quenda da danza. O coreógrafo Cesc Gelabert, recoñecido co Premio Nacional de Danza do Ministerio de Cultura, entre outros, achegará ao escenario do Auditorio de Galicia dúas coreografías: Sense fi, con partitura orixinal de Pascal Comelade, e Conquassabit, un traballo sobre o tempo con música de Haendel. A programación previa ao verán rematará, en xuño, co espectáculo Brokers, un híbrido entre o teatro tradicional e o mundo do clown a cargo da compañía Yllana.

Tras a interrupción estival, os espectáculos continuarán en setembro con Días de viño e rosas, que facía trinta anos que non era levada á escena. Carmelo Gómez e Silvia Abascal meteranse na pel dos personaxes creados por Miller. O ciclo rematará o 17 de decembro coa chegada ao Teatro Principal dun clásico shakespeariano: La fierecilla domada, cun elenco cheo de rostros televisivos.

As entradas do ciclo están xa dispoñibles na web www.caixagalicia.es ou no teléfono 902 434 443. As localidades tamén se poderán adquirir o mesmo día do espectáculo nos despacho de billetes do Teatro Principal e do Auditorio de Galicia, en horario de 12:30 a 14:00 e de 18:00 a 21:00 horas.Os billetes para os espectáculos do Auditorio de Galicia terán un prezo de 12 euros, con descontos do 50% para xubilados e menores de 25 anos. O custo das entradas das pezas acollidas no Teatro Principal irá de 6 a 12 euros, dependendo da situación da butaca.

Documentos relacionados



Compartir: