TRANSPORTES

Os 401 usuarios de Combici realizaron 2.794 viaxes nos primeiros seis meses do servizo

23/03/2009 O Servizo de Aluguer de Bicicletas do Concello, Combici, xerou 2.794 desprazamentos nos seus primeiros meses de funcionamento. O balance fala dunha progresiva implantación deste medio de transporte como alternativa para a circulación pola cidade.

O concelleiro de Transportes, Carlos Nieves, e o xerente da TUSSA, José Ramón Mosquera, presentaron este balance semestral, que revela que as viaxes son fundamentalmente realizadas en días laborables. A media diaria de desprazamentos está en 13 viaxes, cunha duración de 19 minutos.

Na actualidade son xa 401 os usuarios de Combici. Salienta a cantidade de novos usuarios rexistrados nos primeiros meses de funcionamento do servizo, coincidindo cos meses de verán. Co obxectivo de seguir aumentando o número de usuarios, a Concellería realizará unha campaña de difusión e promoción do servizo nesta primavera.

Sobre o comportamento dos usuarios, o xerente de TUSSA destacou o bo uso, en xeral que estes fan da bicicleta. Alleo ao propio servizo, lamentou algún acto de vandalismo que se ten producido algunha noite de xoves nas estacións da Praza Roxa e do Campus Sur. Por este motivo, o servizo de mantemento retira as bicicletas durante estas noites e vólveas a colocar ao día seguinte.

As estacións máis utilizadas son as da Praza Roxa, estación de autobuses e Campus Sur, que supoñen un 66,46% dos desprazamentos. Pola contra, a menos utilizada é a que está xunto ao Multiusos Fontes do Sar. Como gran estación de orixe figura a da estación de autobuses, con case o 40% das saídas, mentres que, como destino, a maioría de usuarios vai ao centro (Praza Roxa) ou ao Campus Sur. Cara o futuro, Carlos Nieves anunciou a intención de instalar algunha estación próxima ao Casco Histórico.

Servizo de aluguer no aparcadoiro de Xoán XXIII
O concelleiro recordou tamén que o aparcadoiro de Xoán XXIII segue a contar co servizo de aluguer de bicicletas para os usuarios de rotación. Estes poden realizar os seus desprazamentos en bicicleta sen ser abonado do servizo de Combici e sen custo algún.

O usuario, logo de estacionar o vehículo, poder solicitar na oficina de información unha tarxeta para poder realizar as súas xestións en bicicleta. Cando remate, entregará a bicicleta e a tarxeta ao persoal do aparcadoiro e poderá retirar o seu vehículo.

Carlos Nieves tamén recordou a súa recente presenza en Sevilla para participar nas II Xornadas da Bicicleta, nas que se celebrou a asemblea constituínte da Rede de Cidades pola Bicicleta. O propio concelleiro foi elixido como integrante da xunta directiva desta nova asociación, da que Santiago é socio fundador.

Compartir: