ALCALDÍA

O Concello quere dedicar nomes de rúas aos catro primeiros alcaldes da Democracia

20/03/2009 O 3 de abril cómprese o trixésimo aniversario das primeiras eleccións municipais democráticas. Con tal motivo, o alcalde anunciou que é intención do Concello render homenaxe aos catro primeiros alcaldes da Democracia designando cos seus nomes catro rúas da cidade.

O alcalde anunciou que esta proposta será debatida na xunta de voceiros previa ao Pleno municipal do 26 de marzo. Sánchez Bugallo agarda que haxa consenso entre os tres grupos municipais para adoptar este acordo, que outorgaría ás rúas os nomes de José Antonio Souto Paz, Marcial Castro Guerra, Ernesto Viéitez Cortizo e Xerardo Estévez.

Tamén anunciou que con motivo do Día de Portas Abertas, que tamén se celebrará en abril, se prevé realizar algún acto especial para conmemorar este trixésimo aniversario das primeiras eleccións municipais democráticas. 17 días despois, o 20 de abril, constituíase a primeira corporación municipal democrática.

O primeiro alcalde co que contou Compostela foi José Antonio Souto Paz, membro da Unión de Centro Democrático (UCD). O 3 de setembro de 1981, Souto Paz presentaba a súa dimisión como alcalde e ocupaba o seu lugar, o 7 de setembro, Marcial Castro Guerra, tamén de UCD.

Na eleccións municipais de 1983 o Partido Socialista Obrero Español (PSOE) formou goberno coa axuda de UCD. O socialista Xerardo Estévez Fernández tomou posesión como alcalde e exerceu este cargo ata o 29 de abril de 1986, momento no que foi deposto por unha moción de censura provocada pola retirada do apoio de UCD. O 5 de maio de 1986 constituíuse o novo goberno municipal e nomeouse alcalde a Ernesto Viéitez Cortizo de Alianza Popular Alianza Popular (AP).

O ano seguinte, 1987 volveu ser ano de eleccións municipais e, desta volta, Xerado Estevez volveu facerse coa Alcaldía, que ostentaría ata o 19 de decembro de 1998, ano en que se fixo efectiva a súa retirada da vida política, substituíndoo o actual alcalde.

Compartir: